SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 May. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes destina este ano unha contía inicial de 400.000 euros a subvencionar a instalación de marquesiñas de autobús nos concellos.
Esta actuación, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, enmárcase dentro das iniciativas da CPTOPT para potenciar o uso do transporte público en Galicia.
Ás axudas poderán acollerse todos aqueles concellos nos que non estea prevista a súa integración en ningunha das sete áreas de transporte metropolitano de Galicia (áreas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol).
A convocatoria destas subvencións constitúe unha novidade respecto ao procedemento seguido ata o de agora, que se realizada a través de convenios de colaboración entre a Consellería e os concellos. Deste xeito, coa convocatoria pública a través do DOG garántese a publicidade do proceso e a concorrencia de solicitudes, ademais de establecerse criterios obxectivos para a súa concesión.
O importe da subvención por cada marquesiña acadará un máximo de 2.500 euros, no que se incluirá tanto os custos de subministración como os gastos de transporte e a súa instalación, axustándose, no caso de que o seu custo sexa inferior ao indicado, ao importe real das mesmas.
REQUISITOS E PRAZOS
Os criterios establecidos pola Dirección Xeral de Transportes para a concesión de axudas serán o número de habitantes do municipio, a porcentaxe de poboación á que dará servizo a nova infraestrutura e o compromiso de investimento adicional por parte do concello no ano 2006 en marquesiñas para o transporte público colectivo interurbano.
Estas infraestruturas deberán contar cunhas características básicas que se establecen na orde, en canto a dimensións, deseño, dispoñibilidade de paneis de información sobre o transporte público, seguridade e tipos de materiais a empregar. En todo caso deberán garantir un elevado grao de resistencia e garantía contra a corrosión.
O prazo para que as entidades locais presenten as solicitudes para participar nesta convocatoria de subvencións é de un mes a partir do día seguinte ao da súa publicación. Por tanto, os concellos poderán presentar a correspondente documentación ata o día 19 de xuño.