A CORUÑA 13 Dic. (EUROPA PRESS) -
Varios efectivos de Salvamento Marítimo de A Coruña buscan unha muller de 30 anos que foi arrastrada por un golpe de mar arredor das 6.00 horas de hoxe nas praias de Orzán-Riazor da cidade herculina.
Os feitos aconteceron mentres tres mozos, dous homes e unha muller, se atopaban na praia e decidiron entrar na auga para bañarse ás 5.45 horas de hoxe. Un golpe de mar arrastrounos e os dous homes foron capaces de saír polo seu propio pé, mentres que a muller resultou desaparecida, segundo informaron a Europa Press dende Salvamento Marítimo.
As mesmas fontes aseguraron "non saber que puido acontecer" xa que o mar neses momentos "non estaba en tan malas condicións como para que unha persoa non fose capaz de saír", a pesar de que incidiu "nas baixas temperaturas" que había na zona nese momento. "Son cousas inexplicables, pero que ás veces acontecen", recoñeceron.
Nestes momentos a muller está sendo buscada por un helicóptero de Salvamento Marítimo, unha embarcación, unha pneumática de Cruz Vermella e por patrullas de terra da Policía Nacional, a Policía local e a Garda Civil.
Os efectivos manifestaron as súas esperanzas de atopala "en breve" por tratarse dun lugar de busca "moi pequeno" que se centra nas dúas praias principais da cidade, Orzán e Riazor.