SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -
A construcción do Centro de Investigación en Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que ten a súa orixe nas necesidades plantexadas neste campo e que pretende dar resposta aos retos de futuro, contará con nove millóns de euros de investimento e ubicarase no Campus Sur, ao carón da Facultade de Matemáticas, xunto ao novo edificio que albergará as novas instalacións de investigación en Bioloxía.
O Consello de Dirección da USC enmarca esta acción, xunto coa reforma da Facultade de Química, dentro do Plan Xeral de Ordenación do Campus co que se pretende unha planificación a medio e longo prazo en función dun novo concepto de desenvolvemento infraestrutural, tendo en conta as necesidades presentes e futuras no ámbito da docencia, a investigación e o emprendemento, segundo manifestou hoxe a institución académica.
Este centro de investigación, segundo puxo de manifesto o reitor nunha sesión informativa cos integrantes da facultade, conta cunha achega externa de 7,59 millóns de euros, procedentes do FEDER e dun convenio coa Consellaría de Innovación e Industria e o Ministerio de Educación y Ciencia.
Na actualidade está redactado o proxecto básico, mentres que o de execución atópase en proceso, onde se contempla a edificación cunha orientación modular e flexible que, segundo os prazos previstos, estará concluida en 18 meses a partir de mediados deste ano, data previsible do concurso público para adxudicación da obra. Sobre rasante terá baixo e tres prantas --en total 5.858 metros cuadrados de superficie-- e outras catro soterradas --7.057 metros cuadrados--.
A organización deste centro desenvolverase conforme a unha proposta baseada nunha definición temática coherente co seu contorno científico e tecnolóxico e procurando un equipamento e infraestruturas singulares que contribúan á interacción entre os grupos de investigación da Universidade e externos.
REFORMA
Dentro do mesmo Plan, a USC contempla, ademais, a reforma da Facultade de Química co obxecto de dotar a este centro dunha "funcionalidade e condicións de habitabilidade e traballo semellantes ás dos novos edificios". Así, estableceranse zonas diferenciadas segundo o uso, docencia, investigación, servizos ou administración, tratando de modernizar e mellorar a súa funcionalidade.
Con motivo desta remodelación, procúrase a "coordinación máxima" entre a actividade docente e investigadora, acompasando as obras de reforma coa entrada en funcionamento do novo centro de investigación.
Para a súa execución, redactarase un plan director da reforma no que participarán unha comisión específica que definirá as necesidades, usos e distribución dos espazos dos dous centros. No caso concreto da Facultade de Química a estimación provisoria da superficie que se adicará a aulas é de 2.648 metros cuadrados, a laboratorios de prácticas de docencia algo máis de mil metros e case cinco mil a espazos de investigación.