A USC organiza o ciclo 'Unha andaina pola Matemática 2006' sobre a evolución histórica de conceptos da disciplina

Actualizado: martes, 31 enero 2006 18:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Departamento de Xeometría e Topoloxía e a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC) desenvolverá no segundo cuadrimestre unha nova edición do ciclo 'Unha andaina pola Matemática 2006', que se centrará na evolución histórica de conceptos da disciplina.

Esta iniciativa, que se vai celebrar entres os meses de febreiro e xuño en Santiago, ten unha finalidade formativa e divulgativa. Así, pretende amosar a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e a fermosura de resultados matemáticos clásicos e modernos, así como as aplicacións básicas dalgunhas teorías, tanto nas propias Matemáticas como noutras disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, e Física, entre outras.

No seu conxunto, o ciclo consistira nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes serán profesores universitarios e docentes de ensino medio, así como profesionais relacionados dalgún xeito coa matemática.

As persoas inscritas poderán validar a súa asistencia ao curso por un total de tres créditos de libre configuración, para o que deberán acreditar a súa asistencia a nove sesións, como mínimo, e participar no desenvolvemento dos traballos propostas.

PROGRAMA

O programa deste ciclo divulgativo comezará coa celebración do taller 'Papiroflexia: unha ferramenta para o estudo das matemáticas', o día 20 para os alumnos co primeiro apelido comprendido entre as letras A e L, e o día 21 para o resto de inscritos.

O taller estará impartido por docentes da Universidade da Coruña, do Colexio Manuel Peleteiro, do IES Antonio Fraguas e da Asociación Española de Papiroflexia. A esta primeira xornada só poderán asistir as persoas inscritas no ciclo, quedando aberto ao público en xeral a partir da sesión do 6 de marzo, adicada ao tema 'A matemática da economía'.