SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Universidade de Santiago (USC) presentou hoxe a Rede Universale, facendo referencia aos seus antecedentes no proxecto Proxecto Europeo de Cooperación Interuniversitaria (ALFA II), que ten como obxectivo o establecemento dun modelo de xestión que incorpore criterios de Responsabilidade Social no ámbito universitario.
A presentación, a cargo da xerente da USC, Mar Rodríguez, enmarcouse no I Encontro Internacional da Rede Universale sobre 'Universidades e Responsabilidade Social en Iberoamérica, Asia e Europa' no que participan no Centro de Estudos Avanzados en Santiago dende hoxe representantes de universidades de Chile, China, México, Portugal e España.
A inauguración oficial deste encontro celebrouse hoxe nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que participou ademais o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández Suárez.
Na súa intervención, o director xeral de Desenvolvemento Sostible afirmou que as universidades se atopan nun "momento clave para potenciar o desenvolvemento sostible", engadindo que a Responsabilidade Social e o desenvolvemento "deben interrelacionarse de xeito que o global incide no local".
O reitor Senén Barro lembrou que a de Santiago foi a primeira universidade española en elaborar unha Memoria de Responsabilidade Social entendida como "un exercicio de transparencia" que resulta imprescindible "para facer explícito o noso compromiso coa sociedade que nos obliga a tomar posición fronte ás súas demandas".
PAPEL ACTIVO
Esta actitude, segundo comentou Barro na súa intervención, implica por parte da USC "un papel activo non só na creación do coñecemento senón tamén no impulso do cambio cara a unha cultura emprendedora e innovadora e na construción dunha escola de cidadanía que contribúa á creación dunha sociedade máis xusta, comprometida e solidaria".
Coa organización deste encontro preténdese coñecer, intercambiar e compartir experiencias sobre contidos e prácticas de responsabilidade social en diferentes universidades de América Latina, Europa e Asia co obxecto de definir un estándar universitario de medición da Responsabilidade Social, atendendo a diferentes puntos de vista e realidades que permitan avanzar cara modelos de actuacións comúns.
Ao longo das distintas sesións previstas ata o venres avaliarase as experiencias que en materia de Responsabilidade Social se desenvolven nos sistemas universitarios europeo, asiático e iberoamericano, ademais de atender a outros temas como os modelos de rendicións de contas ou as iniciativas desenvolvidas en relacións ás áreas de medio ambiente e acción social. No programa estudiaranse tamén posibles vías para a consolidación da Rede Universidale e a elaboración dun mapa de recursos da rede.
No encontro participan representantes das universidades europeas de Castela A Mancha, A Coruña, Miño, Vigo, Zaragoza e Santiago de Compostela, das Latinoamericanas de Chile, Concepción, La Frontera e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey, así como a universidade de Hong Kong.
PROGRAMA
O programa da mañá completárono as intervencións de Gerardo Lozano e Rubén Sergio Alanís, ambos os dous do Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey (ITEMS). O programa previsto para mañá estará adicado á análise de distintas áreas específicas da Responsabilidade Social das universidades, comenzando co debate sobre a Área Social.
A Rede Universale --Universidades e Responsabilidade Social en América Latina e Europa-- constituise coa misión estratéxica de impulsar a cooperación interuniversitaria entre institucións de América Latina e Europa mediante o intercambio de experiencias para o desenvolvemento conxunto dos fundamentos metodolóxicos necesarios para a definición dun modelo de Responsabilidade Social recollendo os compromisos adquiridos no Global Compact e dacordo cos criterios Global Reporting Iniciative, adecuando ao marco universitario as directrices establecidas pola UE no Libro Verde sobre Responsabilidade Social.