SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Ene. (EUROPA PRESS) -
Unha delegación composta polos produtores Pancho Casal -Continental Producciones-, Cani Martínez -Filmanova-, Javier Valiño -Aldea Films- e por Nacho Varela, Director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, participan desde mañá e ata o próximo 19 de xaneiro, como convidadados ao I Encontro Franco-Español de Cine que se celebra en París.
Nun comunicado, Nacho Varela, que participará nunha táboa redonda na que se debaterá sobre o papel das rexións en Europa nas medidas de fomento e nas coproducións, suliñou que se trata dunha "boa ocasión" para transmitir o labor que dende Galicia se fai do audiovisual e "que, novamente, volve a ser recoñecida internacionalmente.
O Director do Consorcio aproveitará estas xornadas para "poñer de manifesto" a "importancia" que as Comunidades Autónomas e as rexións en Europa teñen de cara ao fortalecemento do audiovisual no continente. "Os acordos estatais teñen que ter o seu reflexo e execución no marco das rexións porque nelas é onde reside a forza creativa, profesional e empresarial e polo tanto constitúen unha nova forma de entender o sector", indiou.
Segundo Varela, un dos principais obstáculos está na posta en práctica de grandes liñas de axuda no marco da Unión Europea porque "se converten en auténticas entelequias cando non se achegan estas medidas aos interesados, asegurando a igualdade de oportunidades", engadiu.
O Encontro Franco-Español de Cine está organizado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e pola entidade pública estatal francesa UNIFRANCE e desenvólvese entre o 17 e o 19 de xaneiro en París. Neste foro abordaranse os problemas dos sectores implicados na industria, o incremento das coproducións e a mellora da distribución.