Vicepresidencia, concellos e asociacións de xitanos traballan para elaborar o plan integral deste colectivo

Actualizado: lunes, 10 julio 2006 22:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

Representantes da Secretaría xeral de Benestar, dos concellos galegos onde hai asentamentos xitanos, e de asociacións e federacións que agrupan a este colectivo reuníronse hoxe en Santiago para debater sobre o Plan Integral para a convivencia e o desenvolvemento social do Pobo Xitano de Galicia.

Este Plan recolle o desenvolvemento de actuacións transversais no eido dos servizos sociais, vivenda, cultura, educación, emprego e saúde. Ademáis, ten como principios fundamentais buscar a normalización e integración social deste colectivo, o enfoque intercultural e a súa implicación no proceso de cambio, segundo manifestou esta mañá na apertura da xornada, a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago.

A finalidade deste Plan é a normalización das condicións de vida das xitanas e xitanos de Galicia, "mellorando a súa incorporación efectiva aos servizos da sociedade do benestar, os seus estándares de vida e desenvolvendo a súa propia identidade cultural".

Así, a través deste plan quérese acadar un maioritario acceso da poboación xitana aos servizos normalizados, como son a vivenda, a educación, o emprego ou a sanidade. Tamén persegue transmitir á sociedade unha imaxe social máis obxectiva e positiva da poboación xitana, promover a igualdade e o desenvolvemento da muller xitana e garantir os dereitos fundamentais das persoas xitanas ao seu acceso aos bens e servizos en condicións de igualdade de oportunidades.

A secretaría xeral de Benestar quere rematar coa elaboración deste Plan Xitano despois de verán co obxecto de incluílo dentro do Plan de Inclusión 2007-2013.