SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Ago. (EUROPA PRESS) -
O escritor galego Xosé Neira Vilas foi o gañador do V Premio Ramón Piñeiro de 'Facer País', tras ser escollido por un xurado entre as 36 candidaturas presentadas este ano. O galardón recoñece, entre outras cuestións, o seu "compromiso con Galicia" e o seu labor literario.
Este premio está convocado pola Asociación Cultural "Val de Láncara", co apoio do Concello de Láncara, da Caixa Rural e, este ano tamén, pola Consellería de Cultura. Este galardón recaeu nas pasadas edicións no intelectual galeguista Díaz Pardo, no actor Luís Tosar, no grupo Milladoiro e no ex portavoz nacional do BNG Xosé Manuel Beiras Torrado.
O secretario de Asociación Cultural 'Val de Láncara', Carlos López Sierra, e o cronista oficial da comarca de Sarria, Xaime Félix López Arias, deron conta hoxe, en Santiago, do fallo adoptado polo xurado do premio o pasado 24 de agosto. No acto tamén estiveron presentes Aníbal Piñeiro, irmán de Ramón Piñeiro, e a concelleira de Cultura de Láncara, María Jesús López Loureiro.
Neira Vilas logrou este premio "por toda unha vida de compromiso con Galicia e a súa cultura", así como "pola súa incardinación co medio rural e as vivencias das súas xentes". Pero tamén se quere recoñecer "o seu intenso actuar como aglutinador de esforzos colectivos na emigración -especialmente na Arxentina e Cuba-, o seu fecundo labor literario en compaña da súa dona Anisia Miranda, gozando do Xeral recoñemento pola autenticidade e a intensidade da súa colaboración coas Asociacións e demais axentes culturais de Galicia, medios comunicación e demais foros da galeguidade".
Así o decidiu o xurado constituído ao efecto nesta quinta edición, que estivo composto por 15 membros representantes de varias asociacións Culturais da comarca de Sarria e das Asociacións Culturais do Val de Neira. Está previsto que o escritor galardoado recolla o vindeiro mes nun acto público en Carracedo-Láncara, onde tamén se rendirá homenaxe á figura de Ramón Piñeiro López.
Xaime Félix López explicou hoxe que este premio está chamado a distinguir ás persoas ou institucións que "fan pais", pero tamén é unha "homenaxe" á figura do galeguista Ramón Piñeiro, na súa comarca de orixe. Tamén aludiu ao feito de que o galardón "diversifique aos seus premiados", xa que consideran que "os méritos por facer país poden vir dados en distintos ámbitos".
Engadiu que, ainda que este premio "non ten dotación económica", sí conta cun carácter "simbólico" que fai que os gañadores lle den "unha boa acolida". Asemade, precisou que cada ano se fai entrega dunha obra de arte crada por un artista galego e alusiva á vida do premiado.