Pazos de Borbén (Pontevedra) garda tres minutos de silencio pola morte dunha veciña

Actualizado: jueves, 31 julio 2014 14:55
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

O subdelegado do Goberno chama a toda a sociedade a "loitar por erradicar este tipo de condutas que perturban a convivencia"

   PAZOS DE BORBÉN (PONTEVEDRA), 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

   Decenas de veciños da localidade pontevedresa de Pazos de Borbén (Pontevedra) gardaron tres minutos de silencio este xoves para condenar o último acto de violencia machista, polo que un veciño do municipio de 79 anos rematou este martes coa vida da súa parella, de 81 anos, e despois se suicidou.

   O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, pediu que "non "volva pasar" un acto como este e animou a toda a cidadanía a que informe as autoridades cando detecten que poden estar a acontecer situacións de maltrato. "Se sabemos algo hai que dicilo, porque van cinco vítimas por violencia machista en Galicia e 32 en España" no que vai de ano, subliñou.

   Neste sentido, recordou que as vítimas teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 016, que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica.

   No acto tamén estivo presente o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, que trasladou á familia, especialmente aos fillos da vítima, as súas "condolencias e o máis profundo pésame nestes momentos".

   En declaracións a Europa Press, Coello Bufill manifestou o seu "rotunda e contundente repulsa e reprobación deste tipo de feitos" e chamou a toda a sociedade para, "entre todos, loitar por erradicar este tipo de condutas que perturban a convivencia democrática".

   Os corpos atópanse no tanatorio na estrada de Redondela-Os Valos e o enterro terá lugar ás 18,30 horas desta tarde na parroquia de Nespereira, onde habitaba o matrimonio.

ANTECEDENTES

   O corpo da muller foi atopado este martes nun piar de lavar próximo á residencia familiar, e o seu marido apareceu aforcado nun alpendre anexo á vivenda. Dende o primeiro momento sospeitouse que podía tratarse dun caso de violencia machista, aínda que non constaban antecedentes nin denuncias por malos tratos entre a parella.

   O Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad confirmou este mércores que se trata dun novo caso de violencia de xénero, e explicou que o home a matou e posteriormente se suicidou. Os veciños indicaron a Europa Press que o matrimonio tiña 11 fillos e se dedicaba a traballar a terra.