O primeiro semestre péchase en Galicia con case o dobre de mortes que de nacementos

Imagen de recurso de las manos de una persona mayor
PIXABAY
Actualizado: martes, 12 diciembre 2017 15:10

O saldo vexetativo da comunidade continúa empeorando e as persoas maiores de 64 anos case constitúen xa a cuarta parte da poboación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -

O primeiro semestre deste ano pechouse en Galicia cun total de 16.812 defuncións, mentres que os nacementos limitáronse a 8.870.

Con estes datos, que fixo públicos este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE), o saldo vexetativo da poboación galega é negativo en 7.942 persoas.

En contraste coas cifras do mesmo período do ano anterior, reflíctese un aumento do 2,3 por cento nos falecementos e unha caída do 5,8 por cento no número de nacementos.

E é que no primeiros seis meses de 2016 morreron nesta comunidade 16.431 persoas, por 9.421 que viñeron ao mundo. O saldo vexetativo tamén empeorou, pois entón era de -7.010.

NACEMENTOS NA SEGUNDA COMUNIDADE MÁIS ENVELLECIDA

Na segunda comunidade co maior índice de envellecemento de España (só por detrás de Asturias) segundo os datos de 2016, a taxa bruta galega de natalidade é a terceira peor do Estado (despois de Castela e León e Asturias).

En canto aos 8.870 nados na primeira metade deste ano en Galicia, máis da metade son nenos (4.572) por 4.298 nenas. De nai estranxeira naceron 626 bebés. O pasado ano, a idade media de maternidade nesta autonomía situábase en 32,6 anos.

En 2017, a idade media da poboación galega rolda os 47 anos (46,76) e as persoas con máis de 64 anos atópanse xa moi preto de constituír a cuarta parte dos residentes en Galicia. En concreto, supoñen o 24,56 por cento, por encima do dato do último ano.

CAEN AS VODAS

Ademais, no primeiro semestre deste ano rexistráronse 3.471 casamentos en Galicia, que maioritariamente se celebraron polo civil.

Polo rito católico tiveron lugar 496, mentres que outras relixións acolleron nove enlaces. Dos 99 restantes non consta o tipo de cerimonia realizada.

Outro dato que achega o INE é que 423 deses matrimonios están compostos por, alomenos, unha persona estranxeira.

Así mesmo, indica que Galicia é a cuarta comunidade na que menos descendeu o número de vodas --só se incrementaron en Euskadi--, cun 1,5 por cento (após Canarias, Castela e León e Asturias).

En total, o pasado ano casaron nesta comunidade 9.379 parellas, das cales 9.246 eran de distinto sexo e 133, do mesmo.