As medidas pactadas por patronal e sindicatos para desenvolvemento industrial e I+D+i suman 563 millóns ata 2009

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 2 julio 2008 18:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA 2 Jul. (EUROPA PRESS) -

As medidas pactadas entre Xunta, empresarios e os sindicatos UGT e CC.OO. na mesa tres do diálogo social comprometen unha inversión de case 231 millóns de euros este ano e máis de 332 en 2009 para políticas de desenvolvemento económico e industrial e I+D+i.

Segundo informou hoxe a Consellería de Innovación e Industria, departamento que presidiu esta mesa, do importe global destacan os 277 millóns de euros para actuacións de fomento de I+D+i, así como os investimentos en sociedade da información, que chegan a 164 millóns de euros.

O departamento autonómico tamén subliñou que a aposta polas infraestruturas de banda ancha destaca como unha aposta decidida por situar a Galicia nun escenario competitivo nesta materia.

Entre as medidas específicas de desenvolvemento económico e industrial da comunidade, figuran actuacións de modernización das pymes, de promoción de chan industrial, de incremento do nivel de formación en sectores e áreas relevantes para a economía galega, de internacionalización e de fixación de poboación no medio rural.

O acordo de apoio ao desenvolvemento económico, industrial e I+D+i recolle tamén acordos sectoriais específicos para os sectores primario, industrial e de servizos, incluíndo as principais áreas estratéxicas da economía galega como o naval ou o téxtil.

Neste sentido, Xunta, sindicatos e patronal incorporaron ao texto pactado a proposta da Mesa do sector téxtil da elaboración dun Plan Autonómico ao Sector Téxtil-Confección e Moda onde se reflictan as medidas e actuacións que deberían desenvolver as consellerías competentes nesta materia para implantar e apoiar o proceso de transformación das empresas do sector no marco dun novo ámbito de competencia.

Contenido patrocinado