SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 May. (EUROPA PRESS) -
Os axente de I+D+i de Galicia poderán acollerse ás axudas convocadas por un proxecto comunitario para investigar, xunto a axentes doutros países europeos, todo o relacionado coa contaminación mariña.
As axudas enmárcanse no proxecto internacional ERA-net, que constitúe redes formadas por axencias de financiamento de distintos países e rexións da UE que tratan de coordinar os seus respectivos plans nacionais ou rexionais en distintos ámbitos de investigación.
Así, a Consellería de Innovación, a través da Dirección Xeral de I+D+i, participa en dous programas: o AMPERA, sobre a contaminación mariña accidental, e o CIRCLE, sobre o cambio climático.
Desta forma, no caso do AMPERA --para o que se convocan estas axudas-- , Innovación participa xunto con socios de Francia, Reino Unido, Estonia, Bélxica, Portugal, Noruega e Irlanda.
A convocatoria financiará non só proxectos de investigación, senón tamén diferentes accións como ensaios prácticos, seminarios, proxectos de orientación política ou que integren resultados de investigacións.
Cada acción deberá centrarse na avaliación de riscos, en técnicas para o tratamento e restauración de zonas contaminadas ou en instrumentos e tecnoloxías para a detección e modelización de verteduras mariñas. O presuposto indicativo para cada proxecto financiado será de 300.000 euros para tres anos de duración e para todos os participantes en cada proxecto.
PRAZOS E REQUISITOS
A convocatoria quedou aberta o pasado 2 de maio e os proxectos deberán entregarse en dúas fases. A primeira será de presentación de pre propostas e conclúe o próximo 15 de xuño. Destas escolleranse as que se consideren máis axeitadas, que terán ata o 15 de outubro para presentarse dun modo máis detallado.
A participación deberá canalizarse a través de consorcios internacionais entre investigadores de polo menos tres axentes doutros tantos países socios.