A CORUÑA, 22 Dic. (EUROPA PRESS) -
O presidente do Banco Pastor, José María Arias Mosquera, cualificou hoxe de "inevitable" a aposta pola "innovación financeira" para facer fronte á actual crise económica, que achacou, entre outras razóns, a unha excesiva "autocompracencia" do mercado financeiro ante os riscos.
Na clausura das xornadas 'Visións da crise', organizada pola Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié de la Maza, da que Arias Mosquera é vicepresidente, recoñeceu que a actual situación "é complicada" e insistiu en que a crise "esixe unha redefinición do modelo de negocio e do espazo competitivo".
O presidente do Banco Pastor atribuíu a situación económica que se vive nestes momentos ao "ego desmedido, á obsesión polo tamaño e o desprezo ao risco" por parte dos mercados financeiros e engadiu que a crise está a levar por diante vellas lendas urbanas".
Entre estas, citou a aposta nos últimos anos pola diversificación financeira, pola banca de inversión ou a crenza xeneralizada de que os "monstros financeiros" tiñan garantías dunha maior supervivencia.
FUSIÓNS
"Dicíase que eran demasiado grandes para caer", recordou Mosquera, quen se mostrou convencido de que non haberá máis "caídas" de institucións financeiras nos próximos meses, pero si procesos de fusión.
Así mesmo, insistiu en que a necesidade de que os gobernos se "anticipen" con medidas ás consecuencias derivadas da que definiu como "a maior crise financeira que coñeceu a historia".
Tamén avogou por a "imaxinación, a innovación e a capacidade de adaptación ao cambio" por parte de empresas e institucións financeiras e subliñou que nestes casos "ou vas por diante ou lévache por diante".
Ademais, augurou que as grandes empresas e nacións se "forxan" tras estas crises. Así, sinalou que "quen saiba aproveitar as oportunidades, poderá conseguir enormes vantaxes competitivas", recalcou.