O Centro Galego do Plástico de Ferrol liderará a I+D+i do sector cunha facturación de 2,5 millóns ao ano

A Xunta investirá 1,85 millóns de euros para a adecuación das instalacións do CIS da Cabana

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 abril 2007 22:32

FERROL, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Centro Tecnolóxico do Plástico que se situará en Ferrol liderará e potenciará a investigación e o desenvolvemento do sector en Galicia, co obxectivo de acadar unha facturación anual de 2,5 millóns de euros, segundo o estudo de viabilidade presentado hoxe polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.

O centro tecnolóxico ten como obxectivo atender as demandas da I+D+i das case 200 empresas do sector en Galicia e conseguir autofinanciarse a partir do sétimo ano, cunhas expectativas de facturación anual de 2,5 millóns de euros. Está formulado para aproveitar a sinerxía de recursos en infraestruturas e o capital humano existentes en Ferrol.

Así se desprende do estudo de viabilidade encargado pola consellería ao Grupo de Polímeros da Universidade da Coruña e a Elías Bengoa, especialista no sector industrial do plástico.

Segundo explicou o conselleiro de Industria durante a presentación, o centro dará servizo a un sector industrial emerxente en Galicia, que en 2005 tivo unha facturación de 746 millóns de euros e que incorpora a unhas 193 empresas transformadoras de caucho e produtos plásticos que xeran uns 5.321 postos de traballo.

A estas cifras, súmanse as 400 empresas que utilizan materiais plásticas nas súas actividades, dende a industria eólica e a aeronáutica ata o sector naval e a acuicultura. A maior parte das empresas do sector son pequenas e medianas empresas (pemes), con grandes producións pero cunha escasa estrutura técnica e sen departamentos de I+D.

SITUACIÓN

O CGP situarase no edificio do CIS-Galicia na Cabana, en Ferrol, nun espazo de case 2.600 metros cadrados. O investimento necesario en infraestruturas será de 1,35 millóns de euros, máis 0,5 millóns para a reforma do edificio e as instalacións. De forma inicial, dará emprego a entre 40 e 50 persoas.

Para fomentar a investigación no sector, o centro desenvolverase como unha asociación industrial sen ánimo de lucro, coparticipada pola Administración, a universidade e as empresas. Partirá dun orzamento inicial próximo ao millón de euros, procedente nun 50% de capital público e un 50% de ingresos por servizos. A medida que o centro se consolide, a Xunta espera que se reduza o investimento público e se incrementen os ingresos privados ata alcanzar o seu autofinanciamento.

Estará formado, inicialmente, por cinco departamentos: asistencia técnica, enxeñaría de produto, calidade e medio, formación e información. Contará cun laboratorio de I+D acreditado (LabPlast), para realizar os ensaios que as empresas demandan segundo as esixencias da normativa vixente, potenciando o uso da marca 'Galicia Calidade' entre as empresas galegas do sector do plástico.

NOVAS INICIATIVAS

O Centro Tecnolóxico do Plástico (CGP) fomentará novas iniciativas cun impacto positivo na sociedade, como a reciclaxe, os bioplásticos ou o aforro de enerxía. Tamén formará técnicos capacitados para incorporarse ás empresas, e dará asistencia técnica ás compañías en tecnoloxías de transformación e novos produtos, para constituirse nun centro de referencia no ámbito estatal e internacional.

O conselleiro de Industria anunciou que se pon en marcha un segundo proxecto de Centro Tecnolóxico de Galicia, no que supón "unha aposta polo coñecemento, máis que pola edificación", que permite "optimizar os recursos que temos e aproveitar os espazos para dotalos do que realmente vale en I+D, o capital humano".

Segundo indicou Blanco, o Centro Tecnolóxico permitirá achegar "máis competitividade ao sector", con máis investigación e innovación, xa que "intentar competir por baixos salarios non ten futuro".

SEN DATA DE APERTURA

O conselleiro de Industria rexeitou concretar unha data de apertura, aínda que matizou que este é "o ano cero" e insistiu en que o fundamental para a Xunta se centra en crear o "contido" para o "desenvolvemento do coñecemento", porque "continentes" xa existen bastantes en Galicia.

O CPG súmase ao Centro de Telecomunicacións que se presentou recentemente en Vigo, así como ao Centro Tecnolóxico do Naval, que se situará en Ferrol e do que se constituirá a súa fundación o próximo mes, formada por empresas, universidade e administración.

Contenido patrocinado