Científicos galegos de I+D+i poderán beneficiarse de axudas europeas para investigar o cambio climático

Actualizado: viernes, 3 agosto 2007 14:17

Galicia é un dos cinco socios do proxecto da UE Circle, que participará na primeira convocatoria conxunta deste programa

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os axentes galegos de I+D+i que investigan sobre o cambio climático están chamados a participar na primeira convocatoria conxunta Euromediterránea de axudas para proxectos de investigación do proxecto europeo ERA-net Circle, xunto a socios de Francia, Italia, Portugal e Israel.

A Consellería de Innovación e Industria, como socio do Circle, potenciará a participación de Galicia nesta primeira convocatoria de axudas co obxectivo final de impulsar a presenza galega nesta investigación sobre o impacto e adaptación ao cambio climático en cooperación con investigadores internacionais.

Os proxectos ERA-net do VI Programa Cadro do a UE son redes formadas por axencias de financiamento de distintos países e rexións da UE que tratan de coordinar os seus respectivos plans nacionais/rexionais nas materias de investigación competentes e, na medida do posible, lanzar convocatorias competitivas con fondos nacionais e rexionais entre todos ou parte dos países e rexións membros da rede.

Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, participa activamente como membro do programa europeo Circle xunto con socios de Austria, Finlandia, Suecia, Alemaña, Holanda, Hungría, Francia, Reino Unido, Bélxica, Portugal, Italia, Noruega, Irlanda, Polonia, Dinamarca, Suíza, Islandia, Rusia e Israel.

Esta primeira convocatoria de axudas, aberta dende o 11 de xullo, pretende financiar proxectos de investigación colaborativos transnacionais sobre a área específica dentro da investigación do cambio climático 'Zonas Costeiras Integradas e Xestión da Auga'. As accións irán encamiñadas a estratexias de adaptación e tácticas no sector da auga e zonas costeiras e a un novo equilibrio na xestión integrada de recursos da auga e costeiros.