A Coruña contará con cinco puntos de información inalámbrica que se descargará por bluetooth

Actualizado: martes, 9 octubre 2007 17:00

Hoxe comezan a funcionar de forma gratuíta e en tres idiomas, castelán, galego e inglés

A CORUÑA, 9 Oct. (EUROPA PRESS) -

O Concello da Coruña presentou hoxe o proxecto de instalación de cinco novos puntos de información inalámbrica na cidade, que se poderá descargar mediante bluetooth nos móbiles e axendas electrónicas que dispoñan desta tecnoloxía.

Os cinco puntos, que comezarán hoxe mesmo a funcionar, están situados na Oficina de Turismo da Praza de María Pita, na Fundación ONCE dos Cantóns, en Catro Camiños, a Torre de Hércules e no Mercado de Conchiñas e teñen un alcance para os dispositivos duns 20 metros de radio.

Esta iniciativa levouse a cabo grazas á colaboración coa ONCE e Technosite, empresa pertencente á súa Fundación. Un dos seus técnicos, Francisco Taibo, explicou que esta infraestrutura é "pioneira" en España e servirá "de base para dotala de novos contidos no futuro".

Por agora, o servizo ofrece dous tipos de información. Por unha banda, contido destinado aos turistas, con datos sobre museos, iconas coruñesas, gastronomía, natureza ou teléfonos de interese, e por outra banda, unha "guía de información ao cidadán", cun contido "moi similar ao da páxina web do Concello", como sinalou Taibo, con axenda cultural ou deportes.

TRES IDIOMAS.

Taibo anunciou ademais que estará dispoñible en tres idiomas, galego, castelán e inglés, que responde á "necesidade de facer chegar a información ao cidadán de forma áxil e a baixo pecio, neste caso, nulo" e que se trata dun modelo "bastante sinxelo no seu manexo".

Pola súa banda, a presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Dolores Venancio, quixo lembrar que este proxecto foi posible grazas á "axuda, talento e agarimo da empresa Technosite, que está conformada na súa gran maioría por traballadores con discapacidade" e sinalou que "as tecnoloxías poden supor a diferenza entre illamento e participación".

Para rematar, a concelleira de Interior, Persoal e Informática, Obdulia Taboadela, comentou respecto diso que o Concello coruñés está "moi altamente sensibilizado coas persoas con discapacidade funcional" e dixo que o obxectivo da Corporación é "alcanzar a accesibilidade integral".