Eganet anuncia que reivindicará que a banda ancha chegue a todos os municipios galegos

Actualizado: jueves, 3 abril 2008 20:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) asegurou que centrará os seus esforzos, tras renovar a súa xunta directiva, para reclamar ás institucións que a banda ancha chegue a todos os municipios da comunidade e na unificación das estratexias.

Na súa opinión, a situación de discriminación actual non pode continuar, pois xera un grave prexuízo tanto para a cidadanía coma para o tecido empresarial. Tamén sinalou que a adaptación ás novas tecnoloxías é unha necesidade urxente, tal e como indican recentes estudios nos que Galicia ocupa os últimos postos. "É imposible avanzar coas actuais estruturas 'non-funcionais' e que nos deixan nunha realidade propia do século pasado", advertiu.

Liderar a creación dunha marca que identifique o software galego e conseguir unificar estratexias de accións con outras asociacións e institucións será os eixes principais do traballo para os próximos dous anos de lexislatura.

Na Asemblea Xeral celebrada o pasado luns, 31 de marzo, elixiuse a nova Xunta Directiva de Eganet e a única candidatura presentada por Beatriz Legerén en representación de Interacción foi designada por 16 votos a favor, unha abstención e ningún en contra.

Así, ata 2010 a presidenta será Beatriz Legerén (Interacción); o vicepresidente primeira Luz Castro (Imaxin); o vicepresidente segundo José Miguel Casal (Shylex); o secretario Víctor López (AVA) e o tesoureiro Daniel Cerqueiro (Galinus).

Eganet destaca que esta composición rompe cos estudios de xénero no sector, ao estar liderada por dúas mulleres, "unha situación inexistente nos cadros directivos da práctica totalidade das empresas de tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) galegas".

Dentro da reformulación formulada pola nova directiva están as responsabilidades adquiridas a maiores do cargo en si, unha forma de organizar e axilizar a xestión operativa da asociación.

Deste xeito, Beatriz Legerén encargarase da busca de patrocinios e convenios de colaboración, Luz Castro liderará proxectos en relación á igualdade, José Miguel Casal traballará para lograr cooperacións empresariais, Víctor López será o encargado da administración dixital e Daniel Cerqueiro potenciará a comunicación, tanto interna como externa.