SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -
Un grupo de Enxeñaría de Costas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado polo Centro de Innovación e Servizos de Galicia (CIS-Galicia), sito en Ferrol, anunciou hoxe o deseño e construción do prototipo 'Wavecat', un sistema que permitirá o aproveitamento enerxético das ondas.
Segundo informou a Consellería de Innovación e Industria, o 'Wavecat', que recibirá no período 2007-2010 un investimento público de 282.100 euros, é un dispositivo flotante que "permite xerar enerxía co rebase lateral das ondas".
Así, o grupo de investigadores que traballan neste prototipo intentan resolver tres "dificultades fundamentais" deste tipo de dispositivos, como son "a irregularidade nas condicións das ondas", a "necesidade dun deseño que soporte condicións climáticas extremas" e o "acoplamiento entre as frecuencias das ondas e do xerador eléctrico".
Este sistema, destacou Innovación, é 'offshore', é dicir, sitúase en localizacións afastadas da costa, o que permite "un maior aproveitamento enerxético" á vez que "minimiza os conflitos de uso con actividades relacionadas cos recursos mariños".
Estes dispositivos sitúanse en profundidades de 50 metros ou superiores e sobresaen "moi pouco" por enriba da superficie do mar, o que "reduce tanto o impacto ambiental como visual".
Unha das "principais características" do Wavecat é que "está pensado especificamente para a costa de Galicia" xa que o prototipo que esta construíndose "adáptase ás condicións do clima marítimo galego aproveitando o potencial existente".
O obxectivo deste proxecto de colaboración é levar o dispositivo ata a fase previa á comercialización, polo que "o principal reto" está no custo de fabricación e de funcionamento para que o "prezo final da enerxía producida sexa competitivo".