SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Abr. (EUROPA PRESS) -
Investigadores da Universidade de Santiago (USC) asesoran a principal empresa tailandesa exportadora de atún en conserva na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro a través da posta en marcha da pegada de carbono na etiquetaxe dos produtos, que permitirá ao consumidor coñecer os riscos climáticos asociados á súa compra.
Segundo explicou a coordinadora do proxecto, Almudena Hospido, trátase de "axudar, dende a perspectiva da sostenibilidade, a compañías que comercializan os seus produtos na Unión Europea". Así, pretenden introducir a etiquetaxe de pegada de carbono, que está moi estendido en países como Reino Unido e Francia.
O grupo da USC céntrase en transferir coñecemento a empresas de alimentación tailandesas no referido á aplicación da pegada de carbono como "instrumento eficaz" á hora de desenvolver produtos de baixo nivel de contribución ao quentamento global e tamén como elementos de resposta á demanda crecente por parte dos detallistas e consumidores europeos.
Ademais da USC traballan neste proxecto outros dous centros de investigación europeos --o Instituto Nacional para a Investigación Agronómica de Francia e a Universidade de Surrey (Reino Unido)--, dúas universidades tailandesas e tres empresas destacadas do sector da alimentación no país asiático.
PEGADA DE CARBONO
A pegada de carbono, segundo explicaron, é unha ferramenta de cálculo que determina a cantidade de gases de efectos invernadoiro que se emiten á atmosfera ao longo de todo o proceso de produción e mesmo no momento do consumo. Así, buscan estimular a redución das emisións xa que, con esta nova etiquetaxe, no momento da compra o consumidor "é consciente" da súa contribución ao cambio climático segundo decida comprar un ou outro produto.
Os investigadores galegos empregan técnicas de análise do ciclo de vida, que consisten en estudar todo o proceso que sofre o produto: produción, transporte á fábrica, procesado, contaminación asociada ao envase e á etiquetaxe, transporte ao supermercado, así como a etapa de uso por parte do consumidor. Segundo explicaron, trátase de información "útil" para o usuario final, para que no momento da compra "tome unha decisión consciente do impacto ambiental que se ocasiona".
Así, os investigadores galegos visitaron a empresa tailandesa e as diferentes fábricas asociadas a esta e están a recoller datos dun ano de produción, co fin de coñecer as emisións e os residuos que xera, neste caso concreto, o proceso de fabricación de atún en conserva, tanto directa como indirectamente.
REPERCUSIÓN
A finalidade última, segundo resaltaron, consiste en coñecer como repercute no cambio climático, estudando os seis gases que contribúen ao efecto invernadoiro. O cálculo da pegada de carbono sérvelle á empresa a nivel interno, segundo precisaron, para identificar en qué punto do proceso de fabricación se produce unha maior carga ambiental para, en consecuencia, tratar de minimizar as emisións.
Ademais, o equipo da USC pretende aplicar esta e outras ferramentas de xestión ambiental ao sector acuícola galego. "Se as empresas europeas se están a preparar para obter a pegada de carbono, queremos axudar ás empresas galegas na avaliación dos seus sostenibilidad, co fin de garantir que non a vea penalizadas no mercado internacional", concluíu Almudena Hospido.