Investigadores da USC desenvolven un dispositivo óptico para axudar a compensar aberracións oculares

O coordinador do proxecto constata "avances notables" na captación de imaxes retinianas a aumentos elevados

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 1 diciembre 2008 19:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Dic. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conseguiu desenvolver un dispositivo micro óptico que permitirá medir e compensar de xeito máis preciso as aberracións oculares, o que facilitará e mellorará o seu diagnóstico.

Segundo informou hoxe a institución educativa nun comunicado, o investigador principal do proxecto, Salvador Bará Viñas, comentou que o grupo está a achegar "avances notables" para o deseño destes equipos, grazas aos que se poderá observar a retina a aumentos "moi elevados".

Así mesmo, explicou que representa "un paso moi importante" tanto nas posibilidades de diagnóstico" coma para o "seguimento e evolución de diversas patoloxías retinianas", polo que os avances se porán a disposición de oftalmólogos e optometristas "no futuro".

Neste sentido, sinalou que as aberracións oculares --manchas de luz borrosas que se forman no interior do ollo-- "degradan a calidade das imaxes externas que se forman na retina", polo que o obxectivo da investigación é o de obter unha imaxe retiniana "coa maior definición posible".

INVESTIGACIÓN PIONEIRA

Por outro lado, o equipo de investigadores que está a desenvolver este proxecto foi "o primeiro a escala mundial" en deseñar unhas lentes refractivas especiais e adaptadas a cada persoa, que utilizan oftalmólogos e optometristas para ver os ollos dos seus pacientes.

Ademais, a USC é "un dos poucos centros de investigación capaces de desenvolver este tipo de dispositivos, que actualmente se utilizan de modo experimental.

Contenido patrocinado