Investigadores da USC estudan o uso dunha proteína como axente supresor do cancro

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 13 octubre 2009 20:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Oct. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de investigadores da Universidade de Santiago (USC) estuda o uso dunha nova diana terapéutica para combater o cancro, baseado no uso da proteína tomorregulina como "posible axente supresor" do crecemento tumoral.

O Grupo de Ciclo Celular e Oncoloxía da Universidade de Santiago, dirixido polo investigador Anxo Vidal, descubriu que a tomorregulina atopa diminuída a súa expresión en diferentes tipos tumorais, como o cancro colorrectal, un dos que provoca maior mortalidade despois do cancro de pulmón.

Así, ao empezar a investigación, baixo o título 'A tomorregulina como diana terapéutica no cancro colorrectal', o investigador da USC, constatou que esta proteína se volve inactiva nos estados iniciais dun cancro.

Ao respecto, recordou que o traballo se dividiu en dúas partes: unha para descubrir que fai, qué consecuencias biolóxicas ten a perda de expresión da tomorregulina nun cancro, e ver así as posibles vantaxes que supón para este, e despois intentar usar a proteína cun fin terapéutico.

A pesar de tratarse dun estudio preclínico de oncoloxía experimental, Vidal afirmou que o traballo avanza "a un bo ritmo" tendo en conta "o custosas e lentas que son estes tipos de investigacións con modelos animais".

"Aínda non podemos falar de conclusións, xa que sería aventurarse, pero en principio os resultados están a ser bos, especialmente porque empezamos a entender a relación da tomorregulina con outras importantes rutas oncoxénicas", concluíu o investigador.

Contenido patrocinado