O operador galego R ofertará ao 70% dos seus clientes en 2009 ata 100 megas de acceso a Internet

Actualizado: jueves, 11 diciembre 2008 16:10

A CORUÑA, 11 Dic. (EUROPA PRESS) -

O operador galego de comunicacións por fibra óptica R prevé ofertar en 2009 ao 70 por cento dos seus clientes ata 100 megas de acceso a Internet, segundo informou hoxe, en rolda de prensa, o conselleiro delegado da empresa, Arturo Dopico. R será pioneira en España con este servizo, que dende principios de mes ofrece xa a algúns barrios das cidades da Coruña, Lugo e Vigo.

O conselleiro delegado de R asegurou que dende o pasado 1 de decembro 12.000 fogares e empresas destas tres cidades --uns 4.000 en cada unha delas-- poden dispoñer de velocidades de acceso a internet de 30 e 100 megas.

En concreto, trátase dos barrios do Birloque e a avenida de Arteixo na Coruña; García Barbón e Rosalía de Castro en Vigo e nas áreas de Renfe e Betanzos na cidade de Lugo.

Dopico explicou que no transcurso do ano 2009 estenderán este servizo a outras zonas de Galicia e insistiu en que o seu obxectivo é "seguir sendo líderes na aposta pola calidade". Por outra banda, recordou que están a proceder a duplicar o acceso a internet dos seus clientes --tanto particulares como empresas--, de forma que pase de 6 a 12 megas.

CONEXION OPTIMA

Sobre o novo servizo de 30 e 100 megas que ofertará a compañía, admitiu que moitos equipamentos non estarán preparados para este tipo de velocidades. Por iso, R explicará os interesados, a través da súa páxina web, os parámetros que deberá modificar para obter unha conexión "óptima".

Dispoñer desta velocidade de acceso a internet terá para os usuarios un custo a maiores do paquete de servizos que teña xa contratado, 10 euros se queren dispoñer de 30 megas e 40 euros máis no caso de 100 megas.

O conselleiro delegado de R sinalou que "non hai ningún operador que de xeito masivo comercialice estas solucións" e asegurou que só se utiliza en países como Xapón ou Corea del Sur.

Manifestou tamén que dispoñer destas velocidades "traerá novos usos en internet e cambiará a medio e curto prazo o modelo de televisión". Así, con esta capacidade os usuarios poderán dispoñer de cinema en alta definición a través da rede ou acceder a todos os ficheiros dun equipo dende calquera lugar.