A CORUÑA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -
O plan de traballo para o exercicio 2008-2009 do Plan Estratéxico da Deputación da Coruña inverterá principalmente en capital tecnolóxico e humano co obxectivo de dinamizar a provincia e "saír antes e con éxito da conxuntura económica actual menos favorable que hai algúns meses".
Así o avanzou Aureliano García González-Llanos, que foi nomeado hoxe de xeito oficial director técnico de Plan Estratéxico de Deputación da Coruña, e explicou que o cambio de ciclo económico "obriga a reforzar o compromiso cos obxectivos do plan".
"Neste momento é fundamental non permanecer cos brazos cruzados e insistir nas medidas que están a dar bos resultados invertendo en capital tecnolóxico e humano que é o que pode facer máis competitivo o tecido produtivo da nosa provincia para saír antes e con éxito de da conxuntura económica actual menos favorable que hai meses", sinalou.
García González-Llanos planeou ademais outras accións de cara a impulsar o Plan Estratéxico, entre as que destaca a necesidade de actualizar as previsións que incluía cando se aprobou para adaptalo aos programas operativos dos fondos comunitarios Feder, FSE, Feader e FEP; que foron aprobados en decembro, ofrecendo así "unha información máis precisa" aos afectados.
Esta tarefa, que estará finalizada antes do próximo verán, traducirase na elaboración dunha Guía de Oportunidades de Financiamento que a Deputación porá a disposición de todos os concellos da provincia, axentes sociais e económicos "interesados en promover proxectos sempre en sintonía co plan e en traballar de cara á acción coordinada".
No entanto, o director técnico do Plan Estratéxico recordou que este xa estaba en marcha dende finais do pasado ano, o que permitiu incluír os proxectos nos presupostos da Deputación deste ano, e que, a partir de agora el preocuparase por poñer os medios e conseguir os recursos suficientes para desenvolvelos. Así destacou a importancia do plan porque facilitará converter a provincia nun "territorio máis competitivo que xere máis emprego e maior nivel de benestar".
PROXECTOS CONCRETOS.
Pola súa banda, o presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, renovou a súa aposta por este plan para o período 2007-2013 como "instrumento útil para impulsar os sectores produtivos da provincia" e avanzou que a Deputación xa presentou catro proxectos: o Peace, Sendas, Mandeo, e Xiana para que sexan financiados polos fondos europeos, aínda que xa se están a desenvolver dende a Deputación da Coruña.
O Peace está dirixido a mellorar as instalacións de consumo enerxético, a xestión das instalacións, formar os técnicos, promover a eficiencia e o aforro enerxético nos concellos. Para iso a Deputación xa encargou a unha empresa externa a realización dunha auditoria aos concellos para detectar as carencias na materia e atallalas.
Pola súa banda, o Sendas é unha iniciativa integral de seguridade vial para os peóns nas estradas provinciais que pretende tamén potenciar itinerarios turísticos entorno a elas; o Mandeo quere optimizar os recursos da auga e achegar o río aos cidadáns; e o Xiana traballa na creación dunha rede permanente de técnicos e axentes económicos dirixida a fomentar o emprego a nivel provincial.
OBXECTIVOS.
O Plan Estratéxico realiza un diagnóstico detallado dos principais sectores produtivos da provincia, así como do mercado de traballo, a demografía e as infraestruturas. O horizonte temporal deste proxecto coincide co período de planificación da política rexional da Unión Europea, cuxos fondos "xogan un importante papel no crecemento da economía galega", segundo o presidente provincial.
A Deputación Provincial contou para esta iniciativa coa colaboración das universidades da Coruña (UDC) e Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) da Fundación Caixa Galicia.
O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, destacou que a caixa de aforros é "unha institución coa misión de atender ao desenvolvemento estratéxico e económico de Galicia e en especial da Coruña", cidade onde naceu a entidade financeira. Méndez destacou que este Plan é un "traballo intelectualmente extraordinario con información abonda para analizar o amplo espectro da provincia".
Ao respecto, remarcou a "experiencia" do Centro de Estudios Financeiros de Caixa Galicia "de máis de vinte anos traballando no coñecemento da economía galega" e apostou por potenciar a formación bruta de capital "como folla de ruta para conseguir os obxectivos marcados nun mundo actual con oportunidades e ameazas".
O Plan Estratéxico proponse varios obxectivos, como combater o cambio demográfico, a utilización eficiente dos recursos humanos --colaborando na mellora do sistema educativo en xeral--, a igualdade de oportunidades e melloras nas condicións de traballo e o fomento do emprego.
En canto á agricultura, proponse mellorar a competitividade dos produtos agrarios coa mellora do seu grao de transformación, apoiar a multifuncionalidade do sector co uso das terras para producir biodiesel e bioetanol e reducir o risco de incendios forestais promovendo unha maior utilización do monte.
Noutros ámbitos, apóstase polo uso turístico do FEVE e o turismo náutico, potenciar os carrís bici, favorecer o uso do transporte público sobre todo na área rural, establecemento de carrís Bus-VAO, buscar fórmulas de abastecemento alternativo de auga no rural ou creación da mesa do saneamento do medio rural galego.