Un software dunha empresa galega xestionará o traballo da Policía Local de Cádiz

Actualizado 02/09/2008 21:18:14 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega eLaboro informou hoxe de que o Concello de Cádiz lle adxudicou a implantación do novo ePatrol, baseado no software libre, para xestionar todos os procesos administrativos relativos á Policía Local e que permitirá reducir o tempo de mecanización das denuncias "de 20 días a dous minutos".

Nun comunicado, eLaboro explicou que un total de 173 policías locais desenvolverán o seu traballo no municipio gaditano "coordinados e en rede" mediante ePatrol. Segundo dixo, coa implantación deste sistema, a Casa do concello gaditano pretende "optimizar a xestión administrativa policial coa mellor ferramenta posible".

Co novo sistema, a mecanización da denuncia --introdución dos datos no ordenador-- dende que esta se xera, reducirase dos 20 días actuais a dous minutos, tempo máximo que se tarda coa plataforma en enviar e recibir a información.

Na actualidade, tres persoas están dedicadas no Concello de Cádiz, durante toda a xornada laboral, a mecanizar as denuncias de tráfico e ordenanzas municipais. O software galego permitirá que ese persoal cumpra outras funcións máis produtivas, indicou.

MENOS PICARESCA

Segundo os responsables da empresa adxudicataria, ePatrol "é capaz de combater eficazmente a picaresca" dalgúns cidadáns que recorren á "típica escusa de solo levo 5 minutos aquí parado", posto que permite introducir o concepto advertencia como paso previo a unha denuncia, un dato que perdurará entre quendas e axentes.

Así mesmo, os axentes terán acceso a información sobre o reiterado incumprimento de normas durante días consecutivos. Desta forma, as advertencias e incumprimentos serán coñecidos pola totalidade dos axentes, que poderán consultar cántas están acumuladas e, no seu caso, realizar a pertinente denuncia.

Finamente, a empresa destacou que esta ferramenta permite a coordinación de diferentes unidades policiais, de forma que distintos concello poden compartir información e ampliar a difusión de avisos como, por exemplo, unha orde de afastamento ou o roubo dun vehículo. Neste sentido, asegurou que diferentes poboacións da provincia gaditana mostraron xa o seu interese polo software galego.