Stephen Hawking cre que o LHC podería atopar a partícula de Higgs, pero ve máis interesante que non se logre

Atribúe aos científicos "a responsabilidade especial de informar e aconsellar os líderes sobre os perigos que afronta a humanidade"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 24 septiembre 2008 19:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Sep. (EUROPA PRESS) -

O científico británico Stephen Hawking, recoñecido polos seus traballos sobre os buratos negros no Universo, considera que o grande acelerador de partículas (LHC), de acordo coa opinión actual, "debería ser suficiente para atopar a partícula de Higgs", a que dá masa ao resto.

Nunha rolda de prensa en Santiago, no marco da súa visita a Compostela para recibir o Premio Fonseca, enmarcado no Programa ConCiencia e promovido pola Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade, Hawking indicou que o LHC "aumentará a enerxía á cal se poden estudar as interaccións das partículas nun factor catro".

Non obstante, afirmou que considera que "será moito máis interesante que non se atope o Higgs", pois "mostraría que algo está mal" e que sería "necesario volver pensar sobre iso". "Teño unha aposta de 100 dólares a que non atopamos o Higgs", recordou.

O prestixioso científico apuntou que tanto o LHC como o programa espacial son vitais se a raza humana non quere facer o ridículo e, eventualmente, perecer". "Xuntos custan menos que unha décima do PIB mundial. Se a raza mundial non pode permitirse iso, entón non merece o epíteto humano", argumentou.

CAMBIO CLIMATICO SEN PRECEDENTES

Por outra banda, Stephen Hawking asumiu que nun momento no que "se está ao bordo dunha segunda era nuclear e un período de cambio climático sen precedentes", os científicos teñen "a responsabilidade especial, unha vez máis, de informar e aconsellar aos líderes acerca dos perigos que afronta a humanidade".

O británico mantén o afirmado en 1980 cando dixo que se podería atopar unha teoría física completa e unificada para finais de século, pois apuntou que segue sendo a súa previsión, "pero tendo por diante boa parte deste século".

"Se algunha vez conseguimos achar unha teoría do Universo será un grande triunfo do razoamento humano, pero non nos deixaría moito que facer. Necesitamos un desafío intelectual", concluíu o científico considerado un dos maiores divulgadores da ciencia que existen na actualidade.

Contenido patrocinado