Unha dieta de pensos con prebióticos axuda a que os polos aproveiten mellor os nutrientes e enfermen menos

Actualizado: sábado, 18 julio 2009 19:30

Investigadores e a fábrica Coren descobren "unha especie de Actimel" que afecta de xeito positivo á flora intestinal dos animais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

Unha dieta baseada en pensos con ácidos prebióticos axuda a que os polos crezan máis, aproveiten mellor os nutrientes e sufran enfermidades en menor medida, segundo os resultados obtidos por un equipo de investigadores da provincia de Ourense.

A esta conclusión chegouse na fábrica da cooperativa Coren tras case oito anos de investigacións que finalizaron hai dous meses. Alí, os ácidos orgánicos --similares aos que se engaden en produtos lácteos como os iogures-- engádense á soia, á graxa e ás vitaminas e minerais que compoñen o alimento dos animais como unha materia prima máis", segundo explicou a técnica en nutrición e investigación da cooperativa, Pilar Cachaldora, en declaracións a Europa Press.

En concreto, o proxecto de investigación desenvolveuse entre o Laboratorio de Innovación Agroalimentaria de Ourense, onde traballou un equipo da facultade de Ciencias do campus de Ourense --pertencente á Universidade de Vigo--, e o Centro Tecnolóxico da Carne de Coren, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia --no concello ourensano de San Ciprián de Viñas--.

Por un lado, Coren asumiu o traballo de campo e puxo a disposición dos investigadores os polos das súas granxas, así como o penso, o mantemento e as probas experimentais. De aquí, o material enviábase á universidade, para que os científicos realizasen as extraccións e o estudio analítico.

"Engadimos ácido láctico á dieta dos polos para ver se iso, en substitución doutro tipo de ácidos antibióticos, afectaba dun modo positivo á flora intestinal do polo", indicou Cachaldora. Así, observaron como esta "especie de Actimel, pero para polos" desprazaba á flora patóxena e reforzaba a zaprofita --flora intestinal boa --.

"ACTIMEL PARA POLOS"

O encargado da parte de laboratorio foi o profesor de Química Analítica e Alimentaria da facultade de Ciencias do campus de Ourense, Lorenzo Pastrana, quen, en declaracións a Europa Press, resumiu que "aos polos lles pasa o que ás persoas: o que comen determina como crecen".

Por iso, o seu equipo detectou que "hai determinadas moléculas que son beneficiosas para o estado dos animais", substancias que favorecen o funcionamento correcto do intestino e, en consecuencia, do propio polo. Algunhas veces, as moléculas prebióticas están producidas por microorganismos e outras, "os propios microorganismos son prebióticos", apostilou.

En declaracións a Europa Press, Pastrana citou as dúas fases desta investigación, que consistiron en "buscar bacterias lácticas prebióticas, como o Actimel", primeiro, e estudar se algúns ácidos orgánicos, en combinación con tratamentos térmicos, podían incrementar a calidade hixiénica das materias primas", despois.

Así, chegaron a tres conclusións, entre as que destaca, en primeiro lugar, o descubrimento de que algunhas bacterias lácticas --prebióticos-- permiten que a poboación do intestino dos polos favoreza ao seu crecemento, faga que aproveiten mellor os nutrientes e enfermen menos.

Así mesmo, os estudios revelaron que algunhas destas bacterias, en combinación con ácidos lácticos, fan que teñan "aínda" máis efecto beneficioso e --un terceiro descubrimento-- "cando se engaden aos pensos melloran a súa calidade hixiénica", resaltou Pastrana.

DEMANDA ACADÉMICA E DA INDUSTRIA

Estas conclusións xa foron publicadas en revistas internacionais de recoñecido nivel académico e, en concreto, un dos artigos atópase entre os 10 máis citados neste campo da investigación animal. "Un best seller", remachou o académico.

Ademais, Pastrana recalcou que a demanda da industria deste tipo de innovacións é "total". "Hai interese mundial por estes descubrimentos" e Coren "utiliza xa o Actimel" para polos".

Dende o punto de vista da universidade, tamén ten interese "por varios motivos", dixo, xa que demostra que os proxectos nos que as empresas colaboran coa universidade son "rendibles financeiramente" xa que dan "resultados aplicables".

Por outra banda, pon de relevo a capacidade da comunidade científica para xerar coñecemento "ao que non deben renunciar as empresas" incidiu. Así, concluíu que a colaboración é "moi produtiva" e apuntou a que "hai espazos" para facer transferencia de tecnoloxía.