SANTIAGO DE COMPOSTEla, 27 Sep. (EUROPA PRESS) -
O centro tecnolóxico Aimen desenvolveu unha ferramenta que permite visualizar a estrutura interna en tres dimensións de pezas de grande tonelaxe, coa finalidade de evitar roturas tras a súa utilización na industria.
O obxectivo deste aparato é facilitarlle ás factorías a inspección de materiais sen que iso lles provoque danos de ningún tipo, nun labor común en sectores como o naval, a aeronáutica e a automoción e coñecida como ensaio non destrutivo (ENC).
O ENC busca detectar defectos ou alteracións nos elementos, como gretas, poros ou burbullas, de forma que "non se xeren tensións" nin superen un tamaño "polo que poderían quebrar" despois da súa soldadura, explicou a Europa Press a técnico de I+D+i da área de inspección de Aimen, Lucía Franco.
Para iso, o instrumento fai uso da tecnoloxía TAC (tamografía axial computarizada), procedente do ámbito da medicina. Aínda que a súa utilización sobre pacientes en hospitais data dende finais dos 70, Franco resaltou que a súa adaptación á industria é "un tema bastante recente".
De feito, o seu emprego en Galicia é "completamente novo", algo para o que Aimen -- Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, con sede en Porriño (Pontevedra)-- inverteu 170.000 euros e o traballo de 60 expertos con certificación en END.
Neste proxecto colaborou, ademais, o grupo de investigación en radiofísica que dirixe o profesor da USC Faustino Gómez, do departamento de Física de partículas.
VISIÓN DO INTERIOR E ADAPTABILIDADE
Así, a responsable de inspección da asociación destacou que o funcionamento deste escáner consiste na radiación "ao instante" de raios X sobre a peza a estudar. A continuación, un detector rexistra o sinal que devolve o feixe ao atravesala en distintos ángulos.
"Unha vez rematado o proceso resulta unha matriz de datos que se reconstrúe. Desta forma, temos unha imaxe en dúas dimensións, un corte. Se tes varios cortes faise a reconstrución en 3D, explicou.
Segundo subliñou, "o interese está na visión real do interior", algo que contrapuxo á radiografía habitual, que fai unha proxección de cortes superpostos.
Entre as propiedades do tamógrafo desenvolvido por Aimen, Franco resaltou a capacidade de visualizar imaxes "en tamaños moi pequenos" e, sobre todo, a "adaptabilidade" de todos os parámetros que analiza.
Sobre esta última característica, fixo fincapé na diferenza do TAC con fin industrial co que se emprega en medicina, onde hai que adaptar cada corpo a un escáner determinado. "Normalmente, para traballar con distintos materiais teriamos que cambiar a enerxía, os valores... Nun TAC médico non se poden cambiar, pero o noso pode variar todos eses parámetros", incidiu.
NOVOS CAMPOS DE APLICACIÓN
En canto ás súas aplicacións, a tecnóloga recalcou a inspección de soldaduras, algo de "grande importancia" na supervisión de marcos de aluminio para portas e ventás, e na observación dos 'culers' de automóbiles --en automoción--.
Os 'culers' son cilindros de tamaño moi reducido que se encargan da refrixeración dos vehículos. "Non se pode ver doutra forma se a súa soldadura está mal feita", engadiu, polo que viu "moi interesante" poder contemplar "a imaxe real do corte".
En aeronáutica, a tamografía axial busca que un material composto --por exemplo, con resina-- sexa homoxéneo, polo que do que se trata é de "evitar burbullas", reiterou.
Noutra liña, esta tecnoloxía "permite abrir novos campos", sinalou, e apuntou ao seu aproveitamento en patrimonio, para a visualización interna de tallas de madeira, ou "para inspeccionar fósiles".
PROTECCIÓN RADIOLÓGICA "ASEGURADA"
Segundo apuntou Franco, a protección radiolóxica está "asegurada" no centro Aimen, porque o TAC se atopa dentro dun búnker "perfectamente blindado". A imposición de condicións por parte do Consello de Seguridade Nuclear (CSN) leva a que a asociación conte con supervisores especializados neste ámbito.
"Calquera persoa pode pasar por fóra --do búnker-- sen ningún risco. Se a porta está aberta, por exemplo, o TAC non che deixa radiar", apostillou.
APLICACIÓN INFORMÁTICA
Por outra banda, Franco adiantou a Europa Press os obxectivos da segunda parte do proxecto, que se denomina TAC II e busca desenvolver unha aplicación informática de visualización mediante software libre.
Con este produto, Aimen pretende "ir máis alá", destacou a técnico, tras o que explicou que o sistema no que traballan terá "varias opcións", como ver "corte a corte ou en tres dimensións" e medir distancias entre extremos.
Outra das súas ferramentas será, precisamente, a análise de defectos. Deste xeito, o inspector poderá obter un diagnóstico "automático" da peza en cuestión, subliñou.
Nesta iniciativa colaboran co profesor Pablo García Tahoces, do departamento de Electrónica e computación da USC. En conxunto, o proxecto está financiado polo Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta (PGIDT), que comezou a finais de 2008 e rematará ao termo de 2011.