A USC impulsa un Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais, cun millón de inversión

Estará a "pleno rendemento" en tres meses para formar estudantes e profesionais e fomentar a I+D+i aplicada

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 22 octubre 2009 17:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) contará cun Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais, dotado dunha inversión de 1.150.000 euros, composto por sete unidades orientadas á produción de contidos audiovisuais, produción e experimentación 3 D, os videoxogos, a posproducción, almacenamento e difusión de contidos dixitais, así como unha unidade de formación.

O proxecto da USC enmárcase no programa 'Profesionais Digital.es', dotado con 8,5 millóns de euros promovido pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información a través de Red.es en colaboración coa Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), no que participan 21 institucións docentes de todo o país.

Segundo destacaron hoxe na presentación do proxecto tanto o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, e o reitor da USC, Senén Barro, o da Universidade de Santiago é o proxecto "máis ambicioso" dos 21 impulsados, polo que acapara o 13,5 por cento de todos os recursos cos que conta. "Duplica en cantidade ao que lle segue", precisou o reitor, que engadiu que estará "a pleno rendemento" en tres meses porque están en proceso de adquisición da infraestrutura e habilitando espazos.

O centro, cun 70 por cento da inversión achegada por Red.es a través de Fondos Feder e un 30% da USC, estará formado por sete unidades diferenciadas, con 81 investigadores, orientadas á produción de contidos audiovisuais, produción e experimentación 3 D, os videoxogos, posproducción, almacenamento e difusión de contidos dixitais, así como unha unidade transversal de formación en contidos dixitais.

Deste modo, segundo manifestou Muriel, pretende impulsar a industria nacional dos contidos dixitais, favorecendo a formación de estudantes e profesionais do sector e fomentando a colaboración entre as universidades e as empresas, a través do desenvolvemento de novos programas académicos e da creación de centros de produción e experimentación en universidades públicas españolas.

DIVERSIDADE

Así, Muriel resaltou a "aposta decidida" do Goberno central en impulsar "un dos sectores en que está baseado o momento de cambio para o país", coas novas tecnoloxías. Ao respecto, incidiu en que se trata dun sector que "non deixou de medrar". Segundo recordou, en 2008 facturou máis de 5.000 millóns de euros en España, cun incremento de case o 15,8 por cento con respecto ao exercicio anterior, polo que apostou por "desenvolver todo o potencial".

O director xeral aclarou que a creación destes centros de produción e experimentación permite formar e iniciar estudantes e profesionais, pretenden chegar a máis de 6.500, na xeración de contidos como videoxogos, animación 3D, realidade virtual, deseño gráfico ou edición avanzada de audio e video.

Non obstante, puntualizou que os 21 proxectos están destinados "a complementarse", matizando que o da USC "é o máis ambicioso que outras universidades con respecto ao impacto que pretende conseguir".

FORMACIÓN E INTERACCIÓN

Un dos principais obxectivos da iniciativa é a formación de novos profesionais, para o que a USC desenvolveu un programa de capacitación que satisfaga as demandas dos profesionais identificadas no sector, mediante o contacto permanente coas súas principais axentes.

Neste sentido, desenvolveranse cursos especializados en creación de contidos dixitais, realidade virtual, realidade aumentada, efectos especiais, para audiovisual e para animación 3D e videoxogos, 'tracking' de cámaras para escenarios virtuais, técnicas de intelixencia artificial para animación e deseño de videoxogos, entre outros.

Ademais, comentaron que o proxecto, que na xornada de hoxe foi presentado a máis de medio centenar de empresas do sector dos contidos dixitais, conta xa cunha decena de compañías que comprometeron a súa participación en proxectos en marcha. "E esperamos máis", engadiron.

Por outra banda, o centro da USC colaborará tamén no desenvolvemento do proxecto do Parque Científico e Tecnolóxico de Santiago e realizará accións conxuntas de colaboración co sector audiovisual galego a través da Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC (Vindeira).

Barro puntualizou, pola súa parte, que as vantaxes que ofrece este proxecto "son as que demandan as empresas", pero aclarou que a través de "formación superior ou especializada ou investigación aplicada", pero "non son servizos comúns prestados por compañías do sector".

Contenido patrocinado