PONTEVEDRA 27 Ago. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe cos alcaldes dos concellos de Ponteareas, Tomiño e Cuntis, un convenio de colaboración para a implantación de redes de comunicación sen fíos de acceso público a internet, unha experiencia piloto coa que este departamento pretende potenciar o uso das novas tecnoloxías no rural galego.
"O que pretendemos é levar a sociedade da información ao medio rural, a aquelas zonas onde non hai cobertura e non é previsible que sexa atendida nos plans de extensión do ministerio,", asegurou Fernando Blanco, tras a sinatura deste convenio no Edificio da Xunta en Pontevedra.
En cada un destes concellos inverteranse 83.200 euros para o deseño e instalación dunha rede de telecomunicacións sen fíos, empregando tecnoloxías tales como Wi-fi ou Wi-max, co fin de dotarlles de acceso público Internet aos cidadáns e, no caso das poboacións con problemas de telefonía, de utilización de voz sobre IP.
Ademais, tamén está previsto dotar a estes municipios do equipamento informático e de telecomunicacións necesario para a posta en marcha de novos Puntos de Acceso á Sociedade da Información, a través dun centro de dinamización e formación nas TIC.
"Estes centros serán o complemento para achegar internet a aqueles colectivos e empresas que teñan maior dificultade de acceso, tendo en conta as súas necesidades específicas e os recursos e potencialidades presentes no territorio,", indicou Fernando Blanco, quen explicou que dende estes puntos se primará as aplicacións de software libre e en galego.
Coa posta en marcha destas actuacións, a Consellería de Innovación e Industria pretende mellorar o nivel de utilización das novas tecnoloxías naquelas zonas rurais nas que a dispersión poboacional e as dificultades de acceso a internet provocan un menor grao de utilización da rede.
A previsión que manexa o departamento que dirixe Fernando Blanco é que en cada un destes concellos, este acceso a Internet sen fíos poida ser unha realidade a principios de 2008.