SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -
Uns 14.500 alumnos galegos de 5º de primaria e 1º de ESO terán cada un o seu ordenador portátil na aula durante o próximo curso e máis de 200 centros adaptaranse ás novas tecnoloxías no marco do programa Abalar, impulsado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co fin de transformar a concepción "tradicional" do ensino nun novo modelo "dixital".
En rolda de prensa, o titular do departamento autonómico, Jesús Vázquez Abad, destacou que se trata dun "dos proxectos estelares" da Consellería xunto ao plan do plurilingüismo no sistema educativo e que na súa primeira fase 2009-2013 dotará de equipamento, infraestruturas e recursos dixitais a 87.000 alumnos, 1.000 centros e formará a 15.000 docentes de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º diso.
Para alcanzar o devandito obxectivo, a Administración autonómica destinará unha inversión de máis de 12 millóns de euros dos que 4,3 son de achega do Estado --como parte do plan Escola 2.0 do Ministerio-- e dos que 1,1 millóns utilizáronse en 2009 para mellorar as instalacións eléctricas de 138 centros educativos, entre os que se inclúe o 100 por cento dos CPI e "unha elevada porcentaxe dos IES", incidiu Vázquez.
"É agora cando a educación ten que cambiar Galicia", considerou Vázquez Abad, para despois posicionar a implantación dos denominados Centros Educativos Dixitais (CED) como o paso da aula de informática á "informática na aula" e do libro de texto "aos libros dixitais".
Nesta liña, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que esta iniciativa ser enmarca no plan "transversal" do Goberno Galego 'eGoberno 2013', de implantación dun novo modelo informatizado de prestación de servizos públicos e que dará "especial énfase" naqueles ámbitos "de maior impacto social" como a educación, a sanidade e a xustiza.
EIXES FUNDAMENTAIS
O programa de actuación incidirá en catro ámbitos fundamentais, o primeiro paso dos cales será a dotación de equipamento e infraestruturas TIC aos centros como encerados dixitais, canóns proxectores, ordenadores, mellora da conectividade a Internet e acondicionamento da aula.
Así, segundo explicou o director xeral de Educación, José Luis Mira Lema, realizouse un proceso de consulta aos centros para solicitarlles información sobre a súa situación tecnolóxica e de desenvolvemento de proxectos TIC, co obxectivo de seleccionar aqueles que formarán parte da primeira fase do proxecto.
Neste sentido, Vázquez Abad matizou que a Xunta "discriminará positivamente" ás provincias de Lugo e Ourense, onde haberá "máis centros" nesta primeira etapa dos que lles correspondería para "solucionar a brecha dixital".
O proxecto Abalar proporcionará, ademais, "contidos e recursos dixitais" aos docentes, incidindo en "novos modelos pedagóxicos" e no intercambio de materiais e contidos entre o profesorado. Posteriormente, fará especial fincapé no "fomento da cultura dixital na práctica educativa", a través dun plan de formación docente para habilitar o profesorado no uso das TIC e difundindo "novas canles de comunicación".
SEGUIMENTO ACADÉMICO
En cuarto lugar, Educación impulsará a web 'espazoabalar' co fin de "integrar a todos os axentes da comunidade educativa", e que suporá un espazo de comunicación e participación tanto para as familias, o profesorado, alumnos, ANPAs e centros de ensino.
Deste modo, a aplicación --que se actualizará a medio, longo prazo-- prevé ofrecer ferramentas de educación a distancia para alumnos con enfermidades de longa duración ou necesidades especiais, a través de videoconferencia e tele ensino.
Así mesmo, o alumnado e as familias poderán realizar un seguimento do rendemento académico do alumno mediante acceso a expediente, cualificacións ou faltas, ademais de realizar diversos trámites como bolsa, proceso de admisión ou de matrícula; obter información dos centros (transporte, comedores); comunicación entre profesorado e pais; acceso a actividades das ANPAs; e un caderno do profesor no que poderán actualizar o control de asistencias, entre outras tarefas.
A MEDIO E LONGO PRAZO
Finalmente, Vázquez Abad aclarou que os niveis posteriores de aplicación do proxecto Abalar se executarán a partir de 2012 en función da "dispoñibilidade presupostaria" do departamento autonómico e da Xunta. Así mesmo, o material e o equipo de portátiles cos que se dotará aos centros sacarase a licitación pública mediante un proceso aberto, que se anunciará "en próximas datas".
Por outro lado, Mar Pereira asegurou que se trata dun proxecto que "se avaliará ano a ano" e que, a pesar de que os portátiles permanecerán en princicio nos centros, se avaliará a posibilidade de permitir os alumnos que poidan levarllos ás súas casas sempre que con "uso educativo".