A Xunta incorpora no seu web servizos para tramitar axudas a particulares e avisos a empresas a través da Rede

O sistema aforrará enerxía ao reducir a cantidade de papel impreso e permitirá aos usuarios recibir a resolución no móbil

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 30 abril 2008 17:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria incorporou hoxe dous novos servizos telemáticos na súa páxina web que permiten tramitar a través de internet todas as axudas do departamento autonómico e enviar ás 3.000 empresas inscritas no rexistro xeral de contratistas notificacións de Correos.

Con este novo sistema, os galegos poderán cubrir formularios on line para solicitar todas as axudas e subvencións da consellería e permitirá ás empresas incorporar novas prestacións telemáticas como recibir e efectuar notificacións a través da Rede. O servizo completarase, para os que o soliciten, con avisos a móbil sobre o estado e a xestión das tramitacións que se demanden.

Na presentación deste proxecto, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou que este sistema telemático permite aos usuarios tramitar documentos relacionados con axudas e notificacións a empresas dende o domicilio ou lugar de traballo, sen ter que desprazarse fisicamente aos edificios públicos.

Fernando Blanco recordou que con esta iniciativa, que contou con 160.000 euros para a súa posta en marcha, o seu departamento continúa co "compromiso" de alcanzar un "servizo público de calidade" ao incorporar novas prestacións a través de internet e ofrecer a oportunidade de xestionar documentos vía telemática ademais dos métodos convencionais.

AFORRO ENERXÉTICO.

Ademais destes "beneficios", o titular de Innovación citou o "aforro enerxético" que supón para a Administración autonómica deixar de imprimir "ata 5.000 notificacións" anualmente. Na súa opinión, este sistema telemático contribuirá a reducir custos.

Así mesmo, Blanco destacou que a tramitación electrónica "axiliza" os procedementos tradicionais, unha vantaxe especialmente valorada pola cantidade de impresos que xestiona este departamento, á vez que facilita o traballo. "Este sistema permite maior eficiencia na Administración galega", subliñou.

FUNCIONAMENTO.

En canto ás axudas virtuais, os interesados terán que identificarse na web antes de acceder ao sistema. Para iso, o usuario indicará unha dirección de correo electrónico ou introducirá o número do seu Documento Nacional de Identidade (DNI). Unha vez dentro do sistema, cubrirase o formulario e escollerase entre entregalo no rexistro físico ou envialo a través da Rede.

Pola súa banda, os responsables das empresas terán a posibilidade de enviar notificacións telemáticas, efectuar a declaración do contratista, obter certificados dixitais con validez legar e mesmo proceder á declaración de exención do Impostos de Actividades Económica (I.A.E.). Ao igual que no caso das subvencións, será necesario darse de alta, solicitando unha conta de correo electrónico única, por exemplo.

Contenido patrocinado