A Xunta propón ao sector de comercio retallista galego crear unha plataforma de venda en liña

Actualizado: lunes, 7 julio 2008 22:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, propón ao sector retallista galego o desenvolvemento dunha plataforma de venda en liña. Esta iniciativa está pensada para poñer a disposición do conxunto do pequeno comercio unha marca común baixo a que comercializar a súa mercadoría a través de Internet apostando así pola introdución das novas tecnoloxías e a modernización do sector.

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, foi a encargada de presentar hoxe o proxecto nunha xornadas provinciais celebradas en A Coruña baixo o título 'Comerciando na rede'.

Deste modo, durante os catro encontros provinciais que se desenvolverán esta semana por toda a comunidade, exporase ao comercio retallista a necesidade de internarse na comercialización a través de Internet como unha estratexia conxunta entre a Administración e o sector privado para traballar "na súa modernización e adaptación ás necesidades do novo mercado".

Neste sentido, a consellería destaca, sobre todo, a importancia de que este proxecto se leve a cabo coa presenza en conxunto e todo o comercio galego para poder desenvolver unha única marca que identifique e ampare ao sector. O sistema permitiría introducir información da tenda, poñer os seus produtos á venda, facer campañas de promoción ou empregar tarxeta de crédito, entre outras facilidades.

O papel do Goberno galego será o de creación, desenvolvemento e promoción da plataforma, así como asesoramento continuo aos comerciantes que se sumen ao proxecto.