28M.- Pontón (BNG) ve "alcaldesa" a Sanmartín, que concorre cunha lista con 4 independentes como o cineasta Zarauza

A candidata advirte que as opcións son o PP ou "o verdadeiro cambio" que ela lidera

Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 19 abril 2023 20:38

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, situou á candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, como a que será a "primeira alcaldesa" da capital galega e que fará "historia" o próximo 28 de maio nas eleccións municipais. E farao acompañada dunha lista na que se incluíron catro nomees de independentes, entre eles, o director e guionista Alfonso Zarauza, que pecha a candidatura.

   Zarauza, que concorrera na candidatura de Compostela Aberta en 2015 liderada por Martiño Noriega, é un do catro nomees xunto a Marisa Gil Neto (ecoloxista), Fernando Lacaci (vinculado a asociacionismo de pais e nais no mundo educativo) e Eva Civianes (comercio).

   Na súa intervención na Sala Capitol, na presentación da candidatura, a portavoz nacional do BNG mostrou o seu "profundo convencemento" de que Santiago de Compostela "fará historia elixindo a Goretti Sanmartín como a próxima alcaldesa", "a muller que vai ser capaz de abrir un tempo novo de futuro e de ilusión para devolverlle a Compostela o pulso, o dinamismo, o liderado e a forza que lle corresponden á capital de Galicia".

   A líder do BNG destacou que Santiago precisa "saír da rutina porque non pode moverse co piloto automático; ten que recuperar o pulso e toda a vitalidade no comercio, na cultura, no tecido económico local, na participación cidadá, nas infraestruturas e nos servizos públicos".

   Pontón manifestou que é necesario "avanzar cara a unha cidade sustentable, igualitaria, feminista" e o BNG "ten o proxecto, equipo e liderado para facelo posible da man de Goretti Sanmartín". "Será unha alcaldesa coas mans libres para defender os intereses de Santiago e a súa xente, que non ten que pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para os veciños, sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano", salientou.

   A líder nacionalista asegurou que a cabeza de lista do BNG estará "implicada en conseguir unha cidade na que calquera persona poida desenvolver un proxecto de vida, incluída unha mocidade que hoxe se ve practicamente expulsada pola carestía da vivenda".

   Pola súa banda, Sanmartín agradeceu a implicación das asociacións que lle acompañaron e manifestou que "non é posible facer política muncipal sen contar coa súa implicación, coa participación dos sectores máis dinámicos do concello".

   A candidata fixo referencia a que Santiago de Compostela "non pode resignarse, porque merece moito máis, merece ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas". "Merece unha corporación que se preocupe polas persoas que aquí viven e residen, para sentir que estamos nunha cidade única, con enormes potencialidades e cun extenso rural que non pode seguir sendo discriminado", agregou.

   Sanmartín apuntou que Compostela "non quere enganos, quere honestidade, verdade, transparencia, participación e democracia". "A xente quere cambio e só hai dúas opcións: ou Borja Verea e o PP ou o verdadeiro cambio transformador que representa o BNG", afirmou, antes de proclamar que o Bloque "merece, por primeira vez, gobernar desde a Alcaldía.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado