Ascenden a 900 as hectáreas calcinadas nos incendios de Ponteareas e Carballo, o primeiro xa controlado

Varias persoas tentan sufocar o lume no incendio forestal no monte Galleiro, a 6 de abril de 2026, en Ribadetea, Ponteareas, Pontevedra, Galicia.
Elena Fernández - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 7 abril 2026 16:25

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería do Medio Rural deu por controlado ás 14.34 horas deste martes o incendio da localidade pontevedresa de Ponteareas, onde xa arderon unhas 750 hectáreas, mentres permanece estabilizado o de Carballo (A Coruña), con 150 hectáreas calcinadas.

   Así, o lume de Ponteareas, que inicialmente afectou o monte Galleiro, ascenden xa a 750 as hectáreas queimadas e estendeuse aos municipios de Pazos de Borbén e Mos.

   Está activo desde as 14.47 horas deste luns, cando se rexistraron varios focos, polo que as primeiras hipóteses apuntan a intencionalidade, aínda que tal e como indicaron fontes consultadas por Europa Press, será a investigación a que confirme este extremo.

   Para a súa extinción, o departamento autonómico mobilizou até o momento a seis técnicos, 18 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, cinco helicópteros e seis avións.

   Neste incendio, a Consellería do Medio Rural decretou a Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de Galleiro, no municipio de Pazos de Borbén, que xa foi desactivada esta medianoite.

INCENDIO CARBALLO

   Así mesmo, a Xunta deu por estabilizado ás 20.42 horas o incendio que afecta as localidades de Carballo, parroquia de Noicela, e da Laracha, en Caión, que se uniron e suman máis de 150 hectáreas queimadas.

   Este lume motivou o desaloxo de forma preventiva aos veciños de cinco casas de Caión, aínda que non foi necesario activar a situación 2 por parte da Consellería do Medio Rural.

   Na súa extinción, mobilizáronse, até o momento, catro técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, unha pa, tres unidades técnicas de apoio, tres helicópteros e catro avións.

   Fontes consultadas por Europa Press explicaron que as primeiras hipóteses apuntan a que o incendio rexistrado en Noicela puido ter a súa orixe nunha queima agrícola.

   Nestes momentos, están prohibidas até novo aviso as queimas de restos forestais debido ás condicións meteorolóxicas.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado