VIGO, 29 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime, estimou que a reactivación do sector naval galego, coa adxudicación dos dous floteis de Pemex e outros contratos que poidan pecharse proximamente, suporá a xeración de 1.400 novos empregos na ría de Vigo e consolidará outros 2.600 empregos na bisbarra de Ferrol.
Así manifestouno o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, nunha rolda de prensa na que sinalou que, actualmente, na ría de Vigo hai uns 3.800 traballadores do naval, entre estaleiros e industria auxiliar, aos que se sumarán outros 1.400 "no segundo semestre de 2014".
No caso de Ferrol, Asime prevé que o flotel permitirá consolidar un equipo de 2.200 operarios máis 400 traballadores da industria auxiliar. Ademais, reclamou implicación do Goberno central para dotar de carga de traballo a Navantia, os obxectivos futuros da cal pasan, ao seu xuízo, pola construción da sexta fragata, o buque gasero, a actividade no ámbito da eólica offshore e o dique flotante.
Enrique Mallón reiterou que, segundo as previsións de Asime, haberá creación neta de emprego e "de inmediato", ata alcanzar unha cifra de entre 7.800 e 8.000 empregos directos no naval galego antes de que remate 2014 (aínda lonxe dos 17.000 que chegou a haber en época de bonanza). A esas cifras habería que sumar, tal e como apostilou, emprego indirecto en sectores como a limpeza, as subministracións de equipos, consultorías, etc.
O secretario xeral de Asime subliñou que, ademais dos floteis, hai negociacións "próximas a pecharse" de novos contratos, e apuntou que a industria de explotación de gas e petróleo está a supoñer unha "revolución" no ámbito da construción naval que os estaleiros galegos deben aproveitar.
APOIOS
Non obstante, e malia sinalar que o sector conseguiu "cambiar a dinámica" para iniciar a súa recuperación, Mallón advertiu de que será necesario o apoio, tanto das administracións públicas coma dos investidores e estructuradores financeiros.
Ás primeiras, Asime reclamou axudas públicas para recuperar infraestruturas perdidas e para a formación e cualificación de traballadores en actividades como soldadura ou procesos de corte. "Necesitamos axuda para homologar a un bo número de traballadores que se van demandar nos próximos meses", afirmou Mallón.
En canto aos estructuradores e investidores, o secretario xeral de Asime pediulles que "aposten" por un "sector estratéxico", e que fagan uso do novo 'tax-lease', "o máis seguro de toda Europa". "Hai na ría de Vigo máis dunha ducia de contratos en negociación (*) pero falta unha pata fundamental, que é o financiamento. Estráñanos que non se estea a achegar xa", concluíu.