LUGO 9 Oct. (EUROPA PRESS) -
O vicesecretario xeral do PSOE e Ministro de Fomento, José Blanco, reafirmou este sábado en Lugo o liderado de José Luis Rodríguez Zapatero á fronte do PSOE e asegurou que este liderado "só o poden cuestionar os cidadáns".
Momentos antes de participar na casa do concello lucense na presentación dun selo de correos dedicado á muralla de Lugo, Blanco, respondía, nos corredores do Concello, sobre as incertezas sobre este liderado creadas polas declaracións do secretario rexional do PSOE e presidente de Castilla-La Mancha, José María Barreda, quen reclamou un "cambio de rumbo" na política do Goberno.
"Ata agora --Zapatero-- foi o único dirixente nacional que se presentou por primeira vez a unhas eleccións xerais e gañou. Presentouse por segunda vez a unhas eleccións xerais e gañou. Presentouse ao liderado do partido e gañouno e logo veuno ratificando en todos os congresos", recordou Blanco, quen sinalou que Espala está nun momento que "esixe, a nivel mundial, europeo e español, tomar decisións e marcar un rumbo para afrontar os retos de país".
Isto, explicou Blanco "esixe determinación e esixe afrontar as dificultades tomando decisións, ás veces, duras, custe o que lle custe" e "antepoñendo o interese xeral do país ao seu futuro político". "Niso é onde se mira a grandeza dos dirixentes políticos e da xente que está comprometida co seu país, en antepoñer o obxectivo da recuperación e do benestar a calquera outro obxectivo persoal", sentenciou.
CAMBIO DE RUMBO
O ministro lucense quixo reiterar tamén, ante as declaracións de Barreira, que "o único rumbo que vai facer posible a recuperación económica, a creación de emprego e garantir o benestar do futuro dos españois, é as reformas". "Estamos comprometidos coas reformas. Moitas delas son duras e difíciles, pero afrontámolas polo interese xeral de España", aseverou.
Blanco incidiu tamén en que "a dirección do partido e o Goberno de España está a traballar polo obxectivo, que comparten todos os españois, que é facer as reformas necesarias para gañar a confianza que necesita este país e para saír adiante desta situación de crise".
ELECCIÓNS
Nas súas declaracións, o número dous dos socialistas ratificou que "o Goberno de España non está a pensar nas eleccións" se non "no interese xeral" do país, no "benestar dos cidadáns, na recuperación económica e na creación de emprego".
Neste sentido, Blanco apelou a que, coincidindo co inicio da ponte da Hispanidad, "é un bo momento para falar do patriotismo". "O patriotismo -mantivo- esixe reformas, esixe estabilidade fronte á inestabilidade, esixe traballo fronte á preguiza e por iso quérolle dicir a Rajoy que se quere, non vaia ao día da Hispanidad, por que o verdadeiro patriotismo é comprometerse na solución dos problemas do país, é arrimar o ombro e é, precisamente, o que non fixo Rajoy nin un só día de todos os días deste ano," resolveu.