O BNG afea a PP e PSdeG que "repitan a milonga" de que Galicia "é pobre" para rexeitar o concerto económico

Populares e socialistas consideran que o modelo que defende o Bloque é "insolidario" e que "sería unha ruína" para a Comunidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defende no Parlamento a proposta lexislativa dos nacionalistas para que Galicia adopte un concerto económico.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 24 junio 2025 12:31

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

   Os grupos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG rexeitaron o concerto económico proposto polo BNG, que lamentou que "unha vez máis" o bipartidismo "repita a milonga de que Galicia é pobre e vive da solidariedade do Estado".

   Así o reprochou a portavoz dos nacionalistas, Ana Pontón, na defensa da proposición de lei que levou o Bloque ao pleno do Parlamento este martes.

   Para a líder do BNG, populares e socialistas son "como dúas pingas de auga" cando se trata "realmente de defender os intereses deste país", xa que, na súa opinión, "pon a súa ideoloxía centralista por diante dos intereses dos galegos".

   Así mesmo, Pontón defendeu que se debe "adaptar a política fiscal á realidade do país" para poder "apostar por unha Galicia máis forte, con máis ambición e máis capacidade".

   Nesta liña, criticou o actual modelo, "inxusto e discriminatorio" e pediu "pasar páxina do modelo centralista" para lograr uns recursos cos que "construír unha Galicia mellor".

   Así, volveu a lembrar os informes que sinalan que co actual modelo Galicia "perde miles de millóns de euros". Por iso, censurou que, "fronte á mentira da solidariedade de Madrid", a realidade é que "o Estado fai caixa con Galicia".

   "Contar cun concerto económico permitiría mellorar o noso Estado de benestar, pór fin ao centralismo financeiro, que está baseado nunha incoherencia á que sempre imos pór nome. É absurdo que Galicia teña as competencias de servizos públicos esenciais, pero é o Estado quen recada e despois é quen decide canto nos toca", apuntou antes de concretar que a Administración central "queda con máis de 5.000 millóns de euros anuais" entre o que achega a Comunidade galega e o que recibe.

   Doutra banda, Ana Pontón insistiu en que o concerto económico xa está implantado en Euskadi e Navarra, onde "levan décadas e ninguén o cuestiona" e alí "as forzas centralistas deféndeno".

   "Queren deixarnos unha Galicia bonsái; nós non queremos unha Galicia bonsái, queremos unha Galicia en grande e que actúa en grande", reivindicou a portavoz do BNG, que reiterou que Galicia "non pide máis que ninguén", senón o que "corresponde e é xusto". "Ter a chave do noso diñeiro para decidir o que é noso", resumiu.

UN MODELO "INSOLIDARIO"

   Pola contra, a parlamentaria do PSdeG Patricia Iglesias defendeu o 'non' dos socialistas á proposta do BNG ao considerar que se trata dun modelo "excluínte e insolidario" porque, ao seu xuízo, "rompe a solidariedade entre territorios".

   Tal e como explicou Iglesias, o actual modelo permite que Galicia "teña mellor capacidade de gasto" a través dos "mecanismos de cooperación" que, engadiu, "non existirían co concerto". Nesta liña, asegurou que "non hai un só estudo solvente que apoie o modelo económico do concerto en Galicia" porque "é nefasto".

   Por todo iso, censurou que o modelo proposto polo BNG implicaría que Galicia "perdese 2.000 millóns de euros". "Mentres o BNG propón un modelo de risco e incerteza, o Goberno de España aposta pola singularidade do noso sistema común nun Estado plurinacional", manifestou.

   En todo caso, destacou que o PSdeG tamén quere "máis autonomía fiscal" e, neste sentido, afirmou que o Goberno galego "non está a ser responsable". Así, instou á Xunta a reforzar a Atriga e a lograr máis competencias para xestionar os tributos "con máis eficiencia e eficacia".

   "Galicia non necesita illarse nin privilexiarse, necesita xustiza, solidariedade e igualdade de oportunidades, porque quen propón un concerto económico para Galicia sabe ben que esa chave non ten máis diñeiro", aseverou.

"UNHA RUÍNA PARA GALICIA"

   Tamén rexeitou a iniciativa o PPdeG, xa que, en palabras do portavoz, Alberto Pazos Couñago, a proposta do Bloque "sería unha ruína para Galicia" e significaría "sacrificar o benestar dos galegos para alcanzar o paraíso nacionalista dunha Galicia independente".

   Fronte a iso, sostivo que a maioría parlamentaria do PPdeG "protexerá aos galegos" ante un "fanatismo que empobrecería Galicia irremediablemente".

   Do mesmo xeito, Pazos Couñago lembrou que a Xunta e o Grupo Popular "levan tempo reivindicando un novo sistema de financiamento autonómico máis xusto e máis equilibrado". Unha proposta, engadiu, baseada nos principios de "solidariedade e de igualdade entre os españois".

   Ademais, reprochou que o BNG "está a demoler a fachada da moderación" construída, engadiu, "pola señora Pontón para convencer aos galegos de que non había lobo cando concorrían ás urnas". "Pero cando as urnas os trasquilaron, aí seguía a UPG e o lobo soberanista", relatou.

   Nesta liña, ironizou con que "xa nada queda do liderado 'chachi'" de Pontón e do BNG "acolledor no que cabía calquera". "Ou mentía entón ou mente hoxe; ou talvez, mente sempre", lamentou.

EUSKADI E NAVARRA

   Na súa quenda de réplica, Pontón reprochou a PP e PSOE que se "empeñen" en dicir que "é malo" que Galicia decida sobre o seu diñeiro. Tamén mostrou o seu "asombro" con que ambas formacións poñan "tantas ganas en defender que Galicia non pode ter capacidade para gobernar os seus recursos", mentres que as mesmas forzas políticas en Euskadi "defenden o concerto económico".

   "En Euskadi vailles fatal, están arruinados...", ironizou a portavoz nacionalista, que insistiu en que alí "nin o PP nin o PSOE din que é insolidario e perigoso", senón que "din que é unha ferramenta para mellorar o benestar".

   "O único que propoñen é seguir con retoques para que nos teñamos que confirmar coas migallas en lugar de ter ambición de país", volveu a lamentar.

REPROCHES ENTRE PP E PSDEG

   Ademais, durante o debate, a deputada do PSdeG Patricia Iglesias aproveitou a súa intervención para reivindicar que "a resposta fronte á corrupción" de populares e socialistas "marca a diferenza". Fronte a un PSOE que "asume, colabora e dá a cara", situou a un PP que "esconde, acusa anonimamente e foxe", en referencia ao arquivo esta semana da última peza da 'Operación Pulpo'.

   "Quen necesita do anonimato para acusar, teme que a verdade lle dea na cara", aseverou Iglesias.

   A continuación, na súa intervención, Pazos Couñago defendeu que si que existen "grandes diferenzas" entre PP e PSOE na loita contra a corrupción: "O PP cando ten coñecemento dunha denuncia pona en coñecemento da xustiza, o PSOE tápaa, insulta aos xuíces, acúsaos de lawfare, descualifica aos medios de comunicación e concede indultos e amnistías aos corruptos en contra do prometido antes de votar".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado