Calvo reafírmase na demanda "xusta" ao Goberno sobre a Policía adscrita para "prestar os servizos con calidade"

Apela ás forzas da oposición a apoiar a postura "responsable" da Xunta e a Interior a chegar a unha vía "intermedia"

Archivo - Arquivo - Vehículo da Policía Autonómica de Galicia.
XUNTA - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 5 diciembre 2025 15:12

   OURENSE, 5 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reafirmouse na demanda "xusta" da Xunta ao Goberno central sobre a Unidade da Policía Adscrita para "prestar os servizos con calidade" e evitar que "nalgún momento se resintan" funcións que presta, como a protección das vítimas de violencia machista.

   Preguntado polas críticas que suscitou entre os partidos da oposición que advertise de que a Policía adscrita deixaría de prestar funcións "que non sexan de competencia autonómica", como a protección de vítimas de violencia machista, se o Ministerio de Interior non mellora a súa proposta de financiamento, o conselleiro ratificouse este venres en que se trata dunha "postura responsable".

    "A postura da Xunta vea polos intereses das vítimas, dos galegos", defendeuse o responsable autonómico con competencias sobre a Policía autonómica. "Chámame a atención que algúns non o comprendan e pretendan ver nesta postura outro tipo de comportamentos. Deberían de reflexionar sobre a súa postura e deberían estar a apoiar á Xunta nesta reclamación, porque creo que é xusta", rebateu os ataques.

    En declaracións aos medios antes do acto de entrega de medallas da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en Ourense, Diego Calvo insistiu en que o Executivo galego está "disposto" a "chegar a un acordo" entre a "posición defendida por Galicia e a defendida polo Ministerio" para alcanzar un "punto intermedio".

NEGOCIACIÓN

   A Unidade de Policía Adscrita de Galicia conta actualmente con 338 axentes, pero coa aspiración de cubrir as prazas pendentes e completar o cadro de 500 axentes. Actualmente, o Estado paga os salarios e a Comunidade galega a produtividade dos policías e resto de custos de funcionamento da unidade policial.

    Agora o Goberno esixe asumir as nóminas ao 50% e que os gastos de funcionamento sigan correndo a conta da Xunta. O Goberno galego, pola súa banda, expón que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais, e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio.

   "Estamos dispostos a chegar a un punto de acordo entre a posición defendida por Galicia e a defendida polo ministerio e poder chegar a un punto intermedio e aínda así, até agora non tivemos sorte de convencer ao ministerio", insistiu o conselleiro tras a última reunión celebrada o pasado mércores co Goberno central sobre este tema, cuxas negociacións se estenden "xa un ano e medio".

    "Danos igual que sexa esta semana, a que vén ou a seguinte, coma se nos din que en xaneiro. Se en xaneiro s eresolve dámolo por ben feito, o caso é poder resolvelo", incidiu. Previamente xa instara a que esta negociación "se poida resolver canto antes".

   Diego Calvo lembrou que Galicia "está nunha situación distinta ao resto de comunidades autónomas", xa que "presta servizos que noutras non se están prestando" e, por iso o financiamento da Unidade de Policía Adscrita "podería ser doutra maneira".

    "Hai moitos efectivos dedicados a funcións que non lle corresponden", subliñou, e expuxo que o Goberno galego enviará unha carta ao Ministerio para "pedirlle unha resposta" á reunión mantida esta semana.

   A Xunta argumenta que a protección en situacións de violencia machista é de competencia exclusivamente estatal, pero desde 2016 asinouse un acordo para que Galicia cooperase nestes labores.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado