SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -
A Estratexia galega de saúde 2030 foi sometida este xoves a coñecemento do Consello da Xunta e inicia agora a súa tramitación coa exposición para recibir suxestións antes de ser ratificada de forma definitiva por parte do Executivo autonómico.
Para informar os obxectivos da planificación, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu á comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Na rolda de prensa, ambos informaron tamén o inicio da campaña de vacinación contra a covid e a gripe o próximo 25 de setembro, unha inmunización que forma parte tamén deste documento co horizonte de sete anos e que parte da premisa de previr enfermidades.
Así, Rueda explicou que a estratexia constitúe "unha folla de ruta" para afrontar os retos da sanidade do futuro, para o próximos sete anos, especialmente, recollendo a experiencia da pandemia e responde a un mandato da reforma da lei de saúde no ano 2021, como lembrou Comesaña.
A pandemia, dixo Rueda, "deixou clara a necesidade dunha maior integración das políticas sanitarias en marcha". "É a primeira vez que se realiza unha planificación conxunta das prioridades en saúde pública, atención aos pacientes e investigación sanitaria", salientou.
PROGRAMAS
O titular da sanidade galega especificou que a estratexia conta con 20 programas e até cen liñas de actuación. Entre os principais obxectivos atópase que o sistema público galego adopte un enfoque "máis proactivo", incrementando a actividade que se realiza sen esperar á aparición dun problema de saúde: desde a actividade de vixilancia epidemiolóxica até as accións de prevención como a vacinación ou os cribados, ou as actuacións de saúde comunitaria e dos plans de saúde para favorecer estilos de vida saudables, mellorar o estado xeral de saúde e previr a aparición das enfermidades.
Neste sentido, e á mantenta do anuncio do calendario da nova inmunización, Comesaña destacou que Galicia "conta co calendario de vacinación infantil e cribado neonatal máis completo" de España, así como foi pioneira en anunciar que incluirá os cribados de cancro de pulmón e próstata, así como ampliará a idade do de mama.
ATENCIÓN MÁIS INTEGRADA
Outro dos obxectivos é camiñar cara a unha atención máis integrada e personalizada, adaptada á situación de Galicia, que conta cunha elevada presenza de pacientes crónicos e complexos. Tamén o son avanzar na conexión entre niveis asistenciais e sociosanitario, posta en marcha dos procesos asistenciais integrados, unidades multidisciplinares, reforzo da capilaridad territorial no rural, atención domiciliaria, monitorización a distancia e ampliación dos mecanismos de comunicación do paciente co sistema, entre outros.
O conselleiro de Sanidade tamén destacou a relevancia de traballar nunha "maior conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema de I+D+i sanitario", e na posta en marcha da oitava área sanitaria para o apoio tecnolóxico a distancia das áreas físicas, xunto coa generalización do diagnóstico xenético ou a integración de ferramentas de transformación dixital na relación cos usuarios e no apoio con intelixencia artificial.
A nova estratexia fomentará, así mesmo, a transparencia dos resultados do sistema sanitario, a capacidade de análise do Sergas cun departamento de información e análise dos resultados, e supón tamén unha aposta por dar maior transversalidade á saúde nas políticas públicas máis aló da consellería.
Tamén se creará unha comisión interdepartamental para coordinar o impacto na saúde das distintas políticas da Xunta en materias como educación, economía ou transporte e reforzarase o enfoque 'Unha soa saúde', para "dar coherencia" ás políticas ambientais, de sanidade ambiental e de saúde pública.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
Comesaña tamén destacou que a estratexia incorpora a perspectiva de xénero no seu diagnóstico e nas súas medidas de futuro, priorizando a abordaxe dos problemas de saúde en que existen desigualdades de xénero e reforzando as políticas activas de igualdade para o persoal sanitario. Tamén está previsto o impacto do cambio climático.
O texto inicialmente aprobado polo Consello da Xunta contou coa participación de máis de 60 profesionais da estrutura directiva e de centros sanitarios e recolleu máis de 150 suxestións de entidades. Agora será publicado no portal de transparencia e goberno aberto para recibir alegacións e suxestións da cidadanía. A versión final será sometida de novo ao Consello e remitirase ao Parlamento, onde será presentada polo conselleiro aos grupos políticos nunha comparecencia específica.
LOXÍSTICO
Doutra banda, o Consello da Xunta autorizou este xoves o expediente de contratación do servizo de loxística para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) por un importe total de 68.809.678,37 euros durante cinco anos, co obxectivo de profundar na eficiencia operativa do servizo loxístico.