Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, acolle o acto central da RAG en homenaxe a Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022
RAG
Publicado: martes, 17 mayo 2022 7:01

   O acto tamén servirá para render homenaxe ao exilio galego en México

   OURENSE, 17 May. (EUROPA PRESS) -

   A Real Academia Galega (RAG) celebrará este 17 de maio a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas en Córgomo, no municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras, localidade natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987).

   O acto terá lugar na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e obra do autor homenaxeado e onde se sitúa a actual Casa do Pobo, que no seu día foi tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel.

   Así, a cerimonia consistirá en tres intervencións sobre o poeta a cargo do académica Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. As intervencións poderán seguirse en directo pola web academia.gal (12,30 horas).

   A celebración será unha festa aberta a todos os veciños nun espazo no que o autor homenaxeado adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que inmortalizó nas páxinas de 'Galicia infinda' (1963) cos versos: 'Vos birlos ralban louxados, / a bóla ralba penedos... / É que xogan, mau a mau, / ou Severino i ou Ferros'. Forman parte do poema titulado 'Córgomo de Valdeorras', que dedicou xa desde o exilio en México.

   Ademais, para a ocasión viaxarán até o municipio ourensán desde América as súas fillas Celia, Carmiña e Maruxa, e os seus netos.

   HOMENAXE Ao EXILIO MEXICANO

   O historiador Ramón Villares realizará un percorrido pola biografía de Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural dos galegos que tiveron que exiliarse en México e que tenderon pontes co exilio interior.

   Na súa persoa réndese homenaxe por primeira vez nas Letras aos que formaron parte da diáspora mexicana: o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto.

   Todos estes compañeiros foron nomeados polo propio Delgado Gurriarán no discurso que pronunciou ao ser recibido como académico correspondente da RAG, nun acto celebrado no Barco de Valdeorras en 1981. Lembraba en primeira persona como tivo que fuxir a México xunto a outros que pensaban como el, onde mostraba o seu agradecemento cun país que acolleu a tantos exiliados após a Guerra Civil. Ademais, daba conta do seu labor en Padroado da Cultura Galega de México e en iniciativas como as revistas Saudade e Vieiros (1959-1968).

   Pola súa banda, Rosario Álvarez centrarase na fala de Valdeorras e na construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto con Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar as Letras para o autor a comezos deste século.

MÁIS ACTIVIDADES EN CÓRGOMO

   Ademais, ás 14,00 horas está previsto a 'Florenciada', unha comida popular polas rúas de Córgomo que estará acompañada por cantos de adega.

   Pola tarde, ás 18,00 horas, haberá un concerto do grupo Acordeireta na Aira dos Bolos e ás 20,00 horas a compañía Fantoches Baj representará no Teatro Laura Olmo o espectáculo 'Tras os Vieiros de Florencio'.