Desactivan a alerta por proximidade a casas no lume de Verín, activo pero que "evoluciona favorablemente"

Montes e lume en Ábedes, a 3 de agosto de 2022, en Ábedes, Verín, Ourense, Galicia (España). Un incendio forestal que permanece activo desde as 14,52 horas deste mércores en Verín (Ourense) obrigou a activar a alerta por proximidade a vivendas d
Rosa Veiga - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 4 agosto 2022 21:01

   A Xunta dá por estabilizado o incendio de Maceda (Ourense), de 150 hectáreas, e controlado o de Calvos de Randín (Ourense), de 50

   OURENSE / SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería do Medio Rural desactivou na tarde deste xoves a alerta por proximidade do incendio forestal de Verín (Ourense) a varios núcleos de poboación. Ademais, o lume, aínda que segue activo, "evoluciona favorablemente".

   É a principal novidade que recolle o parte da Xunta, actualizado ás 20,15 horas deste xoves, e no que a superficie arrasada polas chamas mantense estable en 600 hectáreas, polo que continúa como o lume máis grande que segue sen controlarse.

   Trátase dun incendio declarado á primeira hora da tarde do mércores e do que as autoridades non dubidan da súa intencionalidade, tal e como demostra que se iniciou nunha decena de focos diferentes.

   Agora, de acordo coa última actualización de Medio Rural, o lume "evoluciona favorablemente" e os medios traballan na extinción dun "punto de moi difícil acceso". O alcalde da localidade, Gerardo Seoane, xa ratificaba Europa Press a melloría da situación: "Está perimetrado; parece que o peor pasou".

   Até o momento, participaron nos operativo efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), á parte de nove técnicos, 27 axentes, 59 brigadas, 27 motobombas, 12 avións e 11 helicópteros, entre outros medios.

OUTROS TRES INCENDIOS ACTIVOS

   Mentres tanto, hai outro tres incendios que seguen activos. O de Arbo (Pontevedra), parroquia de Barcela, leva calcinadas unhas 70 hectáreas e mantén activada a 'Situación 2' pola proximidade das chamas a diversas infraestruturas.

   Trátase dun lume que, segundo indica a Xunta, entrou desde Portugal e tamén "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización, sen afectación a aldeas".

   Nesta mesma situación atópase o lume forestal da parroquia do Pereiro, no concello ourensán da Mezquita, cunhas 150 hectáreas queimadas.

   Mentres tanto, un incendio activo desde a tarde deste xoves en Boiro (A Coruña), concretamente na parroquia de Cures, arrasou até o momento máis de 20 hectáreas.

ESTABILIZADO O DE MACEDA E CONTROLADO O DE CALVOS

   Pola súa banda, o lume de Maceda (Ourense) que afecta á parroquia de Castro de Escuadro, quedou estabilizado ás 17,00 horas da tarde cun balance de 150 hectáreas arrasadas. "Iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos", indica a Xunta.

   Ademais, Medio Rural xa dá por controlado desde as 19,15 o lume en Calvos de Randín (Ourense), en Lobás, cun balance de 50 hectáreas queimadas.

   En canto ao incendio forestal con 400 hectáreas arrasadas en Arbo (Pontevedra), parroquia de Mourentán, continúa sen cambios ao estar estabilizado. Así mesmo, o de Padróns, en Ponteareas (Pontevedra), segue controlado tras calcinar 20 hectáreas.

   En total, estes oito incendios que aínda están sen extinguir levan arrasadas polo menos 1.460 hectáreas de superficie.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado