A elección de Pombo para dirixir a CRTVG fracasa en segunda votación e só necesitará ao PP na terceira

Ningún dos grupos da oposición apoia á candidata, que non alcanza o mínimo de 45 deputados requirido

Concepción Pombo
CRTVG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 24 junio 2025 10:53

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A segunda votación para elixir a Concepción Pombo directora xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) fracasou este martes no Parlamento galego ao non apoiala ningún grupo da oposición, polo que non se alcanzou o mínimo de 45 deputados --tres quintas partes-- requirido.

   En concreto, obtivo 39 votos a favor, unicamente do Partido Popular. A elección de Pombo irá así a unha terceira votación no próximo pleno --previsiblemente, o 8 de xullo--, na que xa só necesitará alcanzar a maioría absoluta --38 deputados--, polo que será suficiente co PP, grupo promotor da súa candidatura.

   A votación celebrouse en urna ao comezo do pleno e non houbo debate. Os deputados foron desfilando a depositar a súa papeleta por orde alfabética, a partir da popular Encarnación Amigo e finalizando polos membros da Mesa da Cámara. O presidente, Miguel Santalices, foi o último en votar.

   Posteriormente, os cinco integrantes da Mesa abriron a urna para realizar o reconto dos 72 votos emitidos. O resultado, anunciado por Santalices, foi de 39 votos a favor, mentres que os outros 33, considerados "en contra", foron dos deputados do BNG, PSdeG e Democracia Ourensana, que deixaron a papeleta sen marcar.

NOVA LEI

   A designación de Concepción Pombo como candidata a dirixir a CRTVG, que en virtude da nova lei pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (CSAG), foi aprobada a súa candidatura en solitario polo PP na Comisión de control dos medios públicos.

   A nova lei cambiou o sistema de maiorías para a elección deste cargo. No pleno pasado, o 10 de xuño, celebrouse a primeira votación e requiríase dous terzos do hemiciclo --50 votos--. Nesta segunda eran necesarios tres quintos --45-- e na terceira xa só se requirirá maioría absoluta --38--.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado