Galicia terá como festivos propios en 2020 os días de San Xosé e de San Xoan, ademais do 25 de xullo

Calendario
PIXABAY - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 9 mayo 2019 17:19

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 May. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta de Galicia propuxo o 19 de marzo e o 24 de xuño, días de San Xosé e de San Xoan, como festivos propios na comunidade para o ano 2020, ademais do tradicional 25 de xullo, Día de Galicia.

   Así se establece na proposta de calendario laboral de 2020 que se trasladou ao Consello da Xunta deste xoves.

   A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece 14 festivos anuais de ámbito nacional non recuperables, remunerados e de carácter obrigatorio.

   Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non sustituibles, a non ser que coincidan en domingo. Trátase do 1 de xaneiro, o Venres Santo (10 de abril en 2020), o 1 de maio, o 15 de agosto, o 12 de outubro, o 1 de novembro, o 6 e o 8 de decembro así como o 25 de decembro.

   Pero en 2020 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo, o 1 de novembro, que é o día de Todos os Santos, e o 6 de decembro, día da Constitución. Por iso, estas dúas xornadas serán substituídas en Galicia por outros dous días festivos.

   Segundo informou ao termo do Consello o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os festivos elixidos na comunidade galega serán o 19 de marzo, que é o día de San Xosé (día do Pai) e que coincide en xoves e o 24 de xuño, día de San Xoan, en mércores.

   Ademais, as comunidades autónomas tamén poden substituír outros tres festivos de carácter nacional, aínda que no caso de Galicia non se realicen modificacións. Desta forma, mantense o 6 de xaneiro, día de Reis, que só se cambia se coincide en domingo e o Xoves Santo (que en 2020 celebrarase o 9 de abril) e que tampouco se varía tradicionalmente.

   Ademais, dáselle opción ás comunidades para que elixan entre o 19 de marzo e o 25 de xullo e, neste caso, Galicia sempre escolle o 25 de xullo por ser o Día Nacional de Galicia, como quedou establecido polo Decreto 8/1978.

   Informado o Consello da Xunta, a proposta de calendario laboral para 2020 terá que ser aprobada polo Consello Galego de Relacións Laborais. Posteriormente, cada concello terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado