César Arxina - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -
Miles de persoas participan este sábado na tradicional manifestación do 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas e piden "reverter" a situación de "emerxencia lingüsítica" que sofre o galego.
A marcha, convocada pola plataforma Queremos Galego e encabezada por unha pancarta baixo o lena 'Lingua vital xa!, paremos a emerxencia lingüística', arrincou sobre as 12.10 horas da Alameda de Santiago e este ano, cunha nova ruta, finalizou no Obradoiro.
Antes da saída, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, asegurou que esta xornada "será histórica e decisiva". "Non nos resignamos á expulsión do galego da maior parte dos ámbitos da vida social", remarcou.
Ademais, anunciou que o inicio do proceso Lingua Vital, para "tomar as rendas do galego", será "plural participativo e aberto", onde as entidades sociais galegas que "foron exluídas do proceso da Xunta" decidirán cales son as cousas que fan falta en cada un dos ámbitos.
Durante o percorrido, este ano cun novo itinerario que pasou pola avenida de Figueroa, San Clemente, a travesa de Fonseca e Ou Franco até chegar ao Obradoiro, os manifestantes entoaron os cánticos principais desta xornada: 'Na Galiza, en galego' e 'Galiza ten futuro en galego'.
Cando os manifestantes chegaron á praza do Obradoiro, que nesta xornada foi o escenario dunha "gran foliada" ao ritmo festivo das gaitas e as pandereitas, Maceira e a coordinadora da plataforma, Celia Armas, leron un manifesto, que comezou lembrando a figura das cantareiras e pandereiteiras, homenaxeadas este ano.
"É posible reverter a situación do galego. Se a Xunta quixese podería ir implementando medidas para recuperar falantes", apuntou Armas, á vez que subliñou que, os participantes nesta marcha, están "orgullosos desta lingua milenaria" e que piden "ter os mesmos dereitos que calquera outro falante doutra lingua".
"Resignar á situación de emerxencia lingüística extrema á que chegamos, á expulsión do galego de todos os ámbitos da vida social e á vulneración sistemática dos nosos dereitos lingüísticos", afianzou Maceira ante unha praza do Obradoiro na que tamén se escoitaron berros de 'Altri Non'.
A continuación, Maceira dirixiuse ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e asegurou que o galego "está vivo a pesar da Xunta". "Se aínda non foi capaz de derrotalo, como uste reclamaba naquela manifestación infame contra o galego --en referencia á mobilización de febreiro de 2009 convocada polo colectivo Galicia Bilingüe--, é porque hai un pobo que o sostén, que se organiza e dálle o osíxeno que lle negais", aclamou.
Neste sentido, Maceira apuntou que espera que o PPdeG "sómese, que cumpra co seu deber e abandone a beligerancia contra Galicia e o galego". Con todo, avisou que "non van esperar" de que os "xefes de Rueda e de Feijóo en Madrid" decidan "emendar o seu programa".
PONTÓN INSTA A RUEDA A ABRIR UNHA "NOVA ETAPA"
Así mesmo, antes de comezar a manifestación a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou, en declaracións aos medios --foi a única representante dos grupos parlamentrios galegos que interveu desde a Alameda--, a "situación de emerxencia lingüística" do galego e instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "deixar de traballar" en contra do galego e "pór en marcha unha nova etapa a favor do galego".
"O único que se necesita é que o goberno da Xunta deixe de traballar en contra da lingua e póñase a favor da propia lingua galega e iniciar, así, unha nova etapa", remarcou.
Na manifestación tamén participaron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, a secretaria de Organización de Movemento Sumar Galicia, Gloria Alonso, e diferentes colectivos culturais e sociais.