SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 May. (EUROPA PRESS) -
A moción de censura que o Partido Popular impulsa na cidade de Lugo e que se debaterá o próximo o vindeiro xoves, día 7 de maio, marcará previsiblemente o pleno da Cámara galega, no que o asunto chegará á sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
E é que, tal e como avanzaron os grupos após reunión da Xunta de Portavoces, o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, interpelará ao máximo mandatario autonómico e líder do PPdeG polas garantías que ofrece de que os recursos públicos non se utilicen como instrumento de influencia política para conseguir os apoios que as urnas non lle deron ao PP. Todo iso nun contexto no que PSOE e BNG atribuían a convocatoria dunha praza na xefatura provincial de Costas como "pago" á concelleira tránsfuga, un proceso de emprego público ao que a propia edil María Reigosa descartou presentarse.
Ademais, o BNG tamén levará o asunto ao Pazo do Hórreo, tendo en conta que pedirán explicacións e responsabilidades ao Goberno de Rueda polo que cualifican de "uso partidista" da Xunta e dos recursos públicos "para favorecer operacións e manobras políticas como a indigna e indecente moción de censura".
CAMBIO DA ORDE HABITUAL
O pleno arrincará coa sesión de control ao alterarse a orde habitual debido á viaxe que o titular do Executivo galego realizará a Bruxelas para participar no pleno do Comité das Rexións, o último con Rueda como xefe da delegación española.
Na sesión, ademais, comparecerá a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen debullará as liñas de actuación da política industrial e enerxética de Galicia.
INICIATIVAS DOS SOCIALISTAS
Ademais da pregunta de Besteiro a Rueda sobre a moción de censura e outra pregunta ao Goberno sobre este asunto, o Grupo Socialista rexistrou unha interpelación para reclamar ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que reformule e mellore o modelo de atención primaria. Sobre sanidade, ademais, o grupo do PSdeG formulará unha pregunta oral sobre o caso do Porriño, onde denuncian que o Goberno galego non consegue cubrir as prazas vacantes nun centro de saúde dun concello que xa rolda os 21.000 habitantes.
O PSdeG, así mesmo, presentará unha proposición non de lei para que o PP "retrátese" e vote pola "denegación definitiva do proxecto industrial de Altri" en Palas de Rei. Ademais, levarán unha moción para reclamar ao Goberno galego un modelo integral de prevención e planificación de incendios que "se centre en evitar os lumes antes de que se produzan".
Outra das súas proposicións non de lei reclama un plan integral de apoio ao marisqueo, que priorice as medidas directas ás traballadoras e entidades do sector. Ademais, preguntarán á conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre a "negativa" a construír un centro de maiores en Betanzos.
O BNG PREGUNTARÁ A RUEDA POLA SANIDADE
Na cita política, así mesmo, a líder do BNG, Ana Pontón, interpelará a Rueda sobre as advertencias do Consello de Contas en materia de sanidade, que avisan de que Galicia inviste en Atención Primaria menos do recomendado pola Organización Mundial de Saúde e menos que o conxunto do país.
Entre as iniciativas que o BNG presentará para o seu debate no próximo pleno figura, por outra banda, unha proposición non de lei para que a Xunta recupere para o público as concesións hidráulicas que caducaron, como é o caso das do río Tambre, que se atopan na demarcación Galicia Costa, competencia da Xunta. O BNG propón que sexan recuperadas e xestionadas por unha empresa pública galega de enerxía, de forma que a riqueza de Galicia "contribúa ao desenvolvemento económico e social" da Comunidade.
Ademais, ás portas do 17 de maio, o BNG defenderá unha iniciativa para que se apliquen as medidas aínda vixentes do Plan de Normalización Lingüística de 2003, co obxectivo de recuperar o consenso lingüístico que acusan ao PP de "romper".
Os nacionalistas tamén abordarán a moción de censura en Lugo e pedirán explicacións e responsabilidades ao Goberno de Rueda polo que cualifican de "uso partidista" da Xunta e dos recursos públicos "para favorecer operacións e manobras políticas como a indigna e indecente moción de censura".
PROPOSTAS DO PP
Pola súa banda, o PPdeG defenderá unha iniciativa para urxir ao Goberno central a sentar cos sindicatos para "acabar coas folgas que están a paralizar o sistema nacional de saúde".
Os populares, así mesmo, reclamarán ao Goberno central que informe o número de vivendas que, no últimos cinco anos, leva construídas en Galicia ao considerar que os anuncios do goberno "contrastan coa realidade".
Por outra banda, o Grupo Popular preguntará á Xunta polo acordo alcanzado recentemente cos sindicatos da educación, no que se incluíron melloras para a etapa secundaria.
Ademais, interpelará ao Executivo autonómico pola "negativa" da Administración central a financiar a gratuidade da educación de 0 a 3 anos ao asegurar que "ninguén sabe nada" do programa de gratuidade anunciado o pasado mes de xaneiro.
Por último, o Grupo Parlamentario do PPdeG interesarase pola aprobación do novo decreto que institucionaliza o Dialogo Social en Galicia.