Adrián Irago - Europa Press - Archivo
VIGO, 5 Abr. (EUROPA PRESS) -
Dora Carrera, unha das nais fundadoras de Érguete e cara visible da loita contra o narcotráfico en Galicia, faleceu esta fin de semana aos seus 93 anos. Desde os inicios da entidade no 1985, foi unha das persoas que formou parte das múltiples protestas e accións de concienciación en relación á droga.
A asociación, da que seguía sendo vicepresidenta, confirmou a noticia a través dun comunicado, no que despide á activista como un dos seus "faros". O equipo lembra o "orgullo" de Carrera polos seus fillos e fillas e, por suposto, de Esteban, que foi vítima da droga e faleceu.
"El marchouse antes de tempo, pero Dora seguiu por sempre na loita da Asociación Érguete até este sábado, cando aos seus 93 anos dixo adeus. Agora, case 41 anos despois do inicio da súa batalla nós seguiremos por ela, por Esteban, pola súa familia e por todas as persoas que fixeron, fan e farán Érguete, que é outro fillo máis de Dora", lamenta a asociación.
As súas compañeiras exemplifican a súa "forza" cunha anécdota do pasado verán. Un día de moita calor, Carrera acudiu até o centro penal da Lama para compartir unha xornada coas persoas presas polos seus problemas de adicción. Estaban a aprender nun programa de asociación a pedir perdón polos delitos que fixeran á súa familia e aos afectados.
Segundo rememoran, Dora sentou con eles xunto a Tonina, outra das nais, contou todo o que lle pasou ao seu fillo e, despois, escoitou o que lles pasou a cada un deles. "Deulles as grazas porque sentía que tamén estaba a escoitar a Esteban. Abrazounos e marchou cun sonriso de orella a orella", lembran, entre miles de anécdotas deste tipo.
No comunicado de despedida, comprométense a manter a súa actitude "persistente" e "combativa", como cando gritaba "de rabia" en plena Operación Nécora --que permitiu condenar a penas de cárcere a narcotraficantes como Laureano Oubiña-- e a súa filla descubriuna na televisión.
"Sobre todo, seremos soñadoras. Porque si, Dora, ti eras das mais grandes. Na maior das tristezas soñaches que se podía vencer aos narcotraficantes, que se podían salvar aos fillos e fillas afectados e vós gañastes. Levas ese orgullo onde vaias. Levas a vitoria e nós quedamos co teu exemplo", despiden.