SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Ago. (EUROPA PRESS) -
Un home faleceu este martes tras caer sobre el unha rama mentres traballaba nunha zona de monte da localidade coruñesa de Ortigueira.
Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 15.30 horas. Foi un particular quen alertou á central de emerxencias do ocorrido, sinalando que o accidente se produciu na parroquia das Neves e que o home se atopaba accesible, pero permanecía semiinconsciente.
Con estes datos, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que confirmou a mobilización do seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Até o lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil e da Policía Local de Ortigueira. Finalmente, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.