SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Feb. (EUROPA PRESS) -
O novo diario dixital en galego 'Praza Pública' botará a andar este mércores a súa primeira edición co obxectivo de "recuperar o espazo perdido polas cabeceiras" en galego na Comunidade no último ano e medio --co peche de varios diarios-- e coa intención de "contar o mundo dende a óptica galega".
Así o explicou un dos promotores do proxecto, Manuel Barreiro, que confía en que a nova cabeceira contribúa á "pluralidade" dos "medios de comunicación" e garantiu que traballará de forma "independente" e "sen adscrición partidista".
A intención dos seus promotores é "explicar o que sucede no mundo dende a óptica galega", para o que concederán especial importancia á información política e económica, pero tamén ás "actividades expresivas emerxentes". "É un xornal que quere sintonizar coas tendencias de cambio que se están a formar en Galicia", sentenciou Barreiro.
Pola súa banda, outro dos seus promotores, Felipe Díaz, erixiu como os tres piares desta iniciativa o "periodismo de calidade", as novas tecnoloxías e a lingua galega, que se empregará en Praza Pública "todos os días e para falar de todo".
Ademais, será un "lugar de encontro", como evoca o seu nome, para que, a través das novas tecnoloxías, os lectores poidan participar e estar en contacto permanente coa información. Finalmente, para o mes de febreiro pretenden poñer en marcha unha comunidade de blogs especializados "en case todas as áreas".
O diario 'Praza Pública' comezará a publicar temas este mércores, a partir das 12.00 horas, no que constituirá o pistoletazo de saída a este novo proxecto en lingua galega.