SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Oct. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, anunciou que os autónomos que inicien actividade en Galicia en 2026 en sectores asociados a agricultura, gandaría ou silvicultura terán cota cero durante 24 meses "polas dificultades no inicio neste tipo de actividades".
Diso informou na súa comparecencia parlamentaria para informar os orzamentos do seu departamento para o próximo ano, dotados con 497,8 millóns (+0,1%), entre o que se inclúen 40,7 millóns en apoios a autónomos, co foco na substitución xeracional no rural. Aquí tamén se inclúe o Bono Remuda, que incrementa un 20% o investimento até 1,5 millóns para impulsar a continuidade dos negocios.
Ademais, haberá 30 millóns de euros para reter o talento novo: programas de Primeira Experiencia Profesional (6,3 millóns), Galicia Emprega Mozos (4 millóns), Investigo (case 5 millóns) Cooperas (cun global de 15 millóns, do que 10 millóns van á contratación de mozas). Tamén se referiu ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (2,5 millóns) ou ao programa Galicia Emprega Muller (7 millóns), entre outros.
Os obradorios e programas integrados de emprego e o programa Aprol Rural estarán dotados cun investimento global de máis de 74 millóns. En relación cos obradoiros de emprego (44 millóns), a metade do importe destinarase ao ámbito do agro. No caso de Aprol Rural, conta coa novidade do lanzamento de apoios para a contratación de coordinadores municipais de prevención de incendios.
Así mesmo, realizarase un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas (5 millóns) ao amparo do decreto que Galicia prevé aprobar en decembro. Impulsaranse liñas con accións formativas para desempregados (con 60 millóns) e as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 millóns). A isto súmase a formación para ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 millóns.
Tamén destacou a recentemente anunciada oficina de atracción de talento que se creará en 2026 para coordinar o retorno de traballadores. As axudas extraordinarias ao retorno aumentan a súa dotación en máis dun 20% (2,8 millóns).
CREACIÓN DE CASA DO ARTESÁN
No ámbito do comercio, González avanza que se adquirirá un inmoble en Santiago para crear a Casa do Artesán, que será a sede da Fundación Artesanía de Galicia e albergará unha exposición permanente con pezas de artesáns do selo.
Continuará o desenvolvemento do Plan de Comercio de Galicia 2025-2030, con apoios a: a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 millóns), potenciar as prazas de abastos como mercados excelentes (case 4,5 millóns) e a dinamización das áreas de interese comercial (2,7 millóns).
Tamén volverán iniciativas como os bonos Activa Comercio (5 millóns) e apostarase polo proxecto Vilas Vivas.
AUMENTO DE SINISTRALIDADE
Durante o debate, o deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo puxo o foco sobre o "esterrecedor" dato de mortes laborais en Galicia, con 43 falecidos até agosto, catro máis que no mesmo período de 2024. Acusa á Xunta de "pasividade" por unha "decisión política" de non actuar contra as empresas e sinala que Galicia está entre os peores datos por comunidades.
Após cuestionar falta de execución de orzamentos de emprego, o deputado do Bloque reclamou medidas como liñas de subvencións destinadas a persoas perceptoras da Risga.
Mentres, a portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denuncia que a Xunta inviste "en termos reais" menos que o bipartito en 2009, pois farían falta 116 millóns máis só para igualar a inflación acumulada. Critica que son unhas contas "continuistas, carentes de ambición e nada innovadoras".
Censura que"non executan nin o 60% dos fondos destinados a emprego", con máis de 2.400 millóns sen executar desde 2009. Tamén urxe Rodríguez Dacosta "un plan de choque" após as 64 mortes laborais de 2024.
En cambio, Noelia Pérez (PPdeG) reprochou ao Bloque que "criminalice a quen xera riqueza", pois non considera que esa vía sexa "a mellor para evitar os accidentes".
Respecto diso, o conselleiro de Emprego remarcou a posta en marcha dunha mesa no marco do diálogo social para abordar a sinistralidade e o absentismo, á vez que se mostra "plenamente consciente de que hai que facer traballo aí", polo que se apostará en 2026 por unha estratexia de benestar laboral.