Os colexios estarán abertos en Galicia se hai un apagamento e ampliaranse os xeradores en ambulatorios

Varios nenos van ao colexio a pesar de suspenderse as clases nos centros educativos polo apagamento, a 29 de abril de 2025.
Jesús Hellín - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 12 mayo 2025 16:07

   LUGO, 12 May. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o impulso de protocolos en varios ámbitos, como o educativo ou o sanitario, cos que se busca "mellorar a capacidade de resposta" ante unha emerxencia como o apagamento xeral que afectou a España e Portugal hai 15 días.

    Non en balde, Rueda, que presidiu en Lugo a reunión semanal do seu Executivo, afeou ao Goberno central que pasasen dúas semanas e non haxa información sobre as causas do sucedido. "Van 15 días e non temos nin idea do que pasou e vai para longo sabelo", queixouse, para concluír que, en consecuencia, "é difícil prever que non volva pasar".

   Neste contexto enmarcou a decisión da Xunta de protocolizar determinadas cuestións que provocaron certos problemas ou confusión no recente apagamento, coma se os centros educativos estaban ou non abertos. A nova normativa determinará que o estarán para facilitar a conciliación, aínda que haxa que suspender a actividade lectiva.

    No ámbito sanitario, a Xunta fará un protocolo específico para garantir a continuidade na atención aos pacientes electrodependientes para que sigan recibindo atención nos seus fogares ou se deriven a algún centro sanitario.

   E na mesma liña, ampliarase o número de xeradores na Atención Primaria. "Había moitos centros de saúde que dispuñan deles ou varios, pero non todos e imos ampliar o número de xeradores nos centros de Atención Primaria", aseverou.

    Tamén se revisará o estado dos mesmos no caso das residencias de maiores (neste caso, o presidente puntualizou que este tipo de centros si ten xa xerador en todos os casos), e fixarase "un protocolo básico" para homoxeneizar o modo de actuar ante unha emerxencia deste tipo.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado